Skip to main content
As Pontes

Corenta anos embelecendo o paso da Virxe nas Pontes

Por 15 Xullo, 2023Xullo 17th, 2023Sin comentarios

Un grupo de veciños elabora todos os anos as alfombras florais para o paso da procesión o domingo.

A tradición da alfombra floral das Pontes conta xa con máis de corenta anos de antiguidade e este ano volverase realizar na noite do sábado para acompañar á Virxe no seu camiño de volta á súa capela na procesión do domingo. Diferentes persoas, dun xeito totalmente altruísta, ben por devoción á Virxe, por cuestións relixiosas ou simplemente por afección participan na elaboración desta alfombra que ten como obxectivo venerar e render homenxe á Virxe así como acompañala nese último tramo da procesión dende a igrexa de Santa María á Capela do Carme.

O Concello ponse en contacto co grupo de alfombristas para saber quen vai participar, existe xa un grupo máis ou menos estable que traballa todos os anos na elaboración da mesma. A alfombra realízase en base ao deseño do cartel das festas, é dicir, quen deseña o cartel realiza tamén o deseño da alfombra floral. Este ano está ao cargo da asociación de Artistas Ponteses e consiste nun deseño que conta cun total de trinta e oito metros de largo que estará situado na praza do Carme.

Para a realización desta alfombra, ademais de flores, complétase con outros materiais como o serrín tinguido, a tulla, o sal e borras de café. A escaseza de flores así como a dificultade de atopar a cantidade necesaria nalgunhas cores concretas fai que sexa preciso o uso de serraduras tinguidas para a configuración do deseño, o sal é utilizado para realizar a cor blanca e as borras de cafe é o material co que se realizan os perfilados dos debuxos. O departamento de obras ocúpase de encargar, preparar, tinguir e deixar listas as serraduras.

Esta técnica do uso das serraduras e diferentes materiais lévase utilizando dende hai uns catro anos a raíz de varios encontros organizados polo Concello cos alfombristas de Ponteareas, grandes especialistas galegos na elaboración de alfombras florais. Nestes encontros explicaron que eles traballan con serraduras ante a dificultade de atopar as flores necesarias para facer as alfombras coas cores dos deseños.

As flores que doan os veciños a través dos diferentes negocios do pobo córtanse nun dos colexios municipais. Durante varios días diferentes voluntarios encárganse de preparar e deixar listas cada unha das flores que formarán parte da alfombra. Este proceso realízase o máis preto posible da data de elaboración da alfombra para que as flores se manteñan en bo estado e nin sequen nin perdan cor.

Na madrugada do sábado ao domingo, cando rematan as orquestras, un equipo de obras e limpeza do Concello baleira e limpa a praza para deixala lista para comezar a traballar na elaboración da alfombra. Antigamente realizábase o debuxo a escala na praza, pero dado o complicado desta tarefa que levaba moito tempo, cambiouse de sistema. Na actualidade o bosquexo do deseño da alfombra lévase a unha imprenta que realiza unha impresión a tamaño real e que se monta na praza.

O proceso de elaboración comeza co encolado do papel que leva o deseño e que foi distribuído na praza para continuar, seguindo as indicacións de quen deseñou a alfombra, colocando os diferentes materiais ata completar o debuxo. Moitas horas de traballo e de madruga para un arte completamente efímero que remata pola maña tras o paso da procesión pero que merece moito a pena polos resultados espectaculares.

HORARIO

      • 7-15 de xullo: Novena na honra á Virxe do Carme en horarios de 7.40 e 20.00.
      • 15 de xulllo (20.30): Novena e misa na Capela do Carme. Ás 21.30 procesión noctura acompañada da Banda de Música das Pontes e da de Gaitas da Escola Municipal. Na praza do Hospital actuación da Coral As Pontes e espectáculo musical no descanso da procesión. De madrugada, elaborarán a alfombra.
      • 16 de xullo (12.30): Eucaristía cantada pola Agrupación Coral As Pontes. A continuación, subida da Virxe acompañada das bandas de música Cultural e Recreativa das Pontes e o Canavella. Ofrenda floral.

Para a realización desta alfombra, ademais de flores, complétase con outros materiais como o serrín tinguido, a tulla, o sal e borras de café.