Skip to main content
As Pontes

“Unha das propostas máis interesantes son as Noites do Carme”

Por 16 Xullo, 2023Xullo 17th, 2023Sin comentarios

Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura.

Con tan pouco tempo foi difícil preparar as festas?

A verdade é que non porque o meu predecesor, Vicente Roca, fixo un traballo espectacular e practicamente deixou todo atado, para esta edición. A min quedáronme pequenos detalles, o traballo gordo de planificación das festas estaba realizado por el. Eu basicamente collín a testemuña, pechei algunhas cousas que quedaban pendentes e puxen ao día os temas de loxística, infraestruturas ou coordinación de horarios pero a parte máis importante do traballo xa a realizara el.

Que considera que é o máis destacado das festas deste ano?

Para min unha das propostas máis interesantes polo que ten de novidosa e porque se sae un pouco do que é a programación habitual das festas das Pontes son, sen dúbida algunha, as Noites do Carme. É unha oportunidade única para os nosos veciños e veciñas de mostrar o seu bo facer e dar a coñecer as actividades que se están a realizar desde diferentes espazos como o Conservatorio, a Banda Cultural Recreativa, a Escola de Gaita ou a Escola de Acordeóns, que moitas veces quedan en segundo plano. Esta proposta ten moito de novidosa e é unha forma de darlles o protagonismo que penso que merecen e por iso para min é o máis destacado das festas deste ano.

Hai unha recuperación cen por cento tras a pandemia?

Si, total e absoluta, a pandemia queda moi lonxe. Parece que foi hai séculos en lugar de hai tres anos e xa temos o paso totalmente cambiado e volvemos ás festas con total normalidade.

Este ano a Asociación Amigos da Madeira das Pontes foron os pregoeiros, como foi esta elección?

Esta é unha proposta que nace de varios concelleiros e concelleiras e avalada polo alcalde das Pontes. Son unha asociación que fai un labor excepcional por divulgar, conservar e promocionar un oficio tradicional como é o dos torneiros. Tamén é unha gran defensora da posta en valor de todo o que ten que ver cos oficios tradicionais. Nas Pontes os torneiros teñen un papel moi destacado dentro da nosa historia económica e social. Ademais para nós son un gran exemplo do que entendemos como asociación, porque sempre colaboran con cada unha das iniciativas que saen do Concello, sempre axudando, participando en feiras, eventos e deseñando en moitas ocasións os trofeos, premios ou agasallos que lles damos á xente que vén ás Pontes, que participa en probas deportivas ou que vén cantar. Sempre están dispostos co Concello pero é que tamén son uns grandes colaboradores con outras asociacións e por iso para nós representan á perfección o que é o espírito asociativo e a razón de ser das asociacións dunha vila. Por todo isto cremos que é de xustiza recoñecerlles todo ese traballo que fan de forma altruísta cada día do ano.

Que actividades podemos atopar este ano para os máis pequenos?

Para os máis pequenos como todos os anos sacamos a biblioteca á rúa dende o sábado pola mañá ata o día 19. A proposta é que todas as actividades que se fan dende a biblioteca para dinamizar o espazo, promover a cultura e a lectura estean na rúa para que os nenos e nenas coñezan todas as posibilidades que a biblioteca ofrece. Haberá actividades como contacontos, musicais, obradoiros de lectura, de pintura ou de debuxo. Tamén está dispoñible o servizo de préstamo e repartiranse premios para os mellores debuxos, redaccións ou poesías. O obxectivo é mesturar o ocio, a diversión e o lecer con esa parte cultural tan importante, unha forma de incentivar a cultura nunha contorna excepcional como o parque municipal. Este parque activo tamén inclúe o luns unha festa na que haberá inchables, festas da escuma e moitas máis actividades. Pensando xa nun público máis maior, pero que segue sendo novo, estará o cine ao aire libre coa proxección das películas Valentina e Space Jam 2 que se proxectarán no patio de colexio de Santa María.

Que variedade podemos atopar a nivel musical?

“Para os máis pequenos o que imos facer é sacar, como todos os anos, a bilbioteca á rúa”

Hai unha mestura bastante interesante porque por un lado temos as orquestras coas súas verbenas que amenizarán as festas venres, sábado, domingo e luns. A música tradicional estará presente nos pasacalles que comezarán o sábado e estarán todas as mañás dos días de festas, con grupos das Pontes como No Cómbaro, Canavella ou Os Trevillas. Nas Noites do Carme contaremos coa música máis variada porque temos desde o concerto de Serafín Zubiri e a Banda do Conservatorio de Música das Pontes ata o I Festival de Acordeóns das Pontes con grupos como Os Lóstregos e a Escola Municipal de Acordeóns. Imos contar tamén cun concerto feito pola Banda Recreativa e Cultural Vila das Pontes e a Escola Municipal de Gaitas, unha proposta moi novidosa. O sábado haberá unha proposta de rock con Galifunk Brass, Tregua, Vereda e Turbo Kraks e tamén haberá unha proposta musical en torno ao Camiño do Santiago da orquestra Ocaband, na que se fai un percorrido polas principais cancións, autores e cantantes galegos. A nivel musical o prato forte destas festas é a actuación de Los Secretos, pop nacional dos anos oitenta e noventa, moi coñecido e con moitos seguidores e por suposto tamén o concerto folk na Fraga e a sesión vermú coa charanga Louband. Un programa cun pouco de todo e para todos os gustos.

Como é a participación nestas festas?

O que sucede moito nas Pontes durante as festas é que a xente que non reside habitualmente no pobo pero si é del, aproveita as festas para vir. Temos evidentemente moita xente da contorna pero sobre todo hai moitos ponteses e pontesas que por circunstancias persoais, laborais ou de estudos non están en todo o ano nas Pontes e aproveitan estas festividades para achegarse á vila. As festas son sempre un gran reclamo que atraen a moitísima xente.

Hai intención de que a organización das festas volva á comisión?

A nosa intención é seguir organizando nós as festas, non temos previsto a curto prazo que o faga a comisión. No ano 2022 tras dous anos sen poder celebrarse e con todas as consecuencias da pandemia nas que a normativa obrigaba a poñer en marcha unha gran cantidade de cuestións técnicas e de seguridade consideramos que era a obriga do Concello facelo. Non resultou mal e pensamos que debemos continuar este labor.

“A miña idea é continuar co proxecto iniciado e traer programación de calidade”

Lorena Tenreiro Blanco é a nova concelleira de Cultura, Xuventude, Innovación e Novas Tecnoloxías, despois da remodelación do Goberno municipal que se produciu tralas eleccións municipais celebradas no mes de maio.
Tenreiro xa levaba unha lexislatura como concelleira de Organización Interna e Medios Locais.

Que proxectos ten para o futuro na área cultura?

A miña idea é continuar coa traxectoria iniciada tanto por Sonia Sueiro como por Vicente Roca que é traer programación de calidade para todas as idades e todos os públicos a un prezo asumible e que ao final iso nos sitúe na primeira liña de cultura. Seguir buscando a calidade e espectáculos que congreguen a xente e que non teñan nada que envexar a unha programación dunha gran cidade, dentro das nosas posibilidades. Continuaremos apostando pola diversidade e que as nosas asociacións sigan a ter un papel destacado na dinamización cultural, formando e aportando á programación das Pontes.

Que necesidades culturais ten actualmente As Pontes?

Eu penso que agora mesmo As Pontes non ten nada que envexar a outras programacións culturais. Temos teatro, maxia, cine comercial de estrea e contamos con artistas de primeira liña como Rozalen ou as Tanxungueiras. Seguramente existan cousas que mellorar, moitas, e pola nosa parte continuaremos a escoitar aos veciños e veciñas, intentando programar acorde cos seus gustos e as súas demandas e diversificando para que ninguén se sinta excluído das propostas culturais.

Vai a continuar sendo o lago un punto de referencia dentro da programación cultural da vila?

Si, vai continuar sendo un escenario deportivo e cultural. Imos intentar potencialo ao máximo porque é un dos principais atractivos que ten a nosa vila, non só como espazo deportivo único e singular que alberga gran número de probas senón tamén para poñelo no panorama como escenario musical. Evidentemente sempre respectando o entorno e o medio ambiente porque é un espazo que debemos protexer e coidar.