Skip to main content
As Pontes

As Pontes rendeu unha homenaxe aos torneiros, que abriron as festas

Por 16 Xullo, 2023Sin comentarios

A Asociación de Amigos da Madeira foi a encargada da lectura do pregón no parque municipal.

Esta asociación nace no 2007 tras a celebración do primeiro encontro de torneiros co obxectivo de conectar a xente entre encontros e de continuar evolucionando na recuperación do torneado profesional. “Hai unha inquietude de conectar coa xente entre un encontro e outro xa que non hai unha continuade nin unha agrupación de xente coas mesmas inquietudes entón a raíz destes encontros de torneiros xorde a idea de facer unha asociación de persoas que compartan estas inquietudes” conta Alfonso Franco, presidente da asociación.

Unido á celebración todos os anos do Encontro de Torneiros, que ten lugar en Xermade e no que durante varios días se poden desfrutar de exposicións, obradoiros e da presenza de tallistas internacionais, esta asociación realiza un labor durante todo o ano. Comezaron un obradoiro de torno para dar unha formación a toda esa xente que tiña unha inquietude pero non contaba cos coñecementos para poder dedicarse a este oficio. “Nós tivemos tamén a sorte de que aquí había un torneiro, Lolo Castro, que aínda continuaba dedicado activa e profesionalmente ao torno, en base a iso é como tratamos de recuperar esa actividade”.

Na actualidade contan cun “grupo estable e numeroso dentro da asociación con ganas de facer cousas, moi activos e con ganas de innovar”. Os obradoiros duran dende outubro ata maio e teñen lugar os martes e os sábados. Unha vez rematado o curso realizan un día de portas abertas onde “expoñemos os obradoiros que se fan e tamén realizamos demostracións en vivo de talla de torno” ademais ese día tamén se poden ver as diferentes pezas que se realizaron durante todo o ano. Neste curso eran oito as persoas que participaban do obradoiro para tratar de incorporase ao oficio, “temos tamén a sorte de que algúns son novos e representa para nós un futuro”.

Esta asociación está na actualidade formada por 65 socios e nos seus comezos foron vinte as persoas que conformaban a Asociación de Amigos da Madeira. Tras uns anos con pouca actividade consolidouse e foi crecendo ata o que son na actualidade. Neste último ano “alégranos moito a incorporación de rapaces novos como socios, a xente dá un relevo na asociación e ademais trae ideas novas, novos coñecementos e con internet ven cousas que queren probar, ver como é e isto supón unha continua innovación”.

A elección como responsable do pregón supón para esta asociación “un gran recoñecemento a todo o labor que vimos realizando estes anos, que facemos de moi boa gana, que é tratar de recuperar unha profesión que no seu día, no pobo das Pontes, foi importante”. Antes da chegada da industrialización nos diferentes pobos as profesións artesanais eran esenciais porque “a economía estaba baseada na autosuficiencia polo tanto era preciso contar cunha serie de profesións que realizaran todos os utensilios necesarios para a vida diaria”. Unha vez que chegou a época da industrialización e a economía de consumo estes oficios remataron por desaparecer.

Para o futuro o principal obxectivo da asociación e “consolidar á xente que vai recibindo a formación, que continúen tras os primeiros pasos. Por sorte a maior parte da xente continúa e a nosa ilusión é que alguén dos que están aprendendo e lles ilusiona se dedicaran ben parcialmente ou ben completamente a esta actividade”. Alfonso conta que “actualmente temos un rapaz que se incorporou este ano que ten un obradoiro de belas artes e pensamos que pode ser unha das persoas con capacidade para recuperar a actividade de talla de torno como oficio”.

Unha vez que o oficio está xa un pouco recuperado e actualizado dende a asociación buscan “tratar de recuperar a actividade económica. É dicir, que o oficio sexa rendible para aquelas persoas que queiran dedicarse a isto como medio de vida”. Para isto é necesario realizar “unha posta en valor das pezas, xa que aquí non se venden pezas pero queremos que a xente as valore. Xa hai un interese por compralas, entón creemos que chega o momento de pensar de cara ao futuro a maneira de poder comercializalas”.

“Na actualidade en Galicia existen obradoiros que participan en mostras e que teñen durante todo o ano actividades, como escolas de torno onde realizan pezas para empresas ou comercios, entón o que queriamos era buscarlles unha saída económica, que se poda comercializar as pezas desta xente ben a través de internet ou ben nos obradoiros propios pero buscando un futuro económico o oficio”.