Skip to main content
Lourenzá

A campaña ‘No Caminas Sola’ axudará a previr a violencia machista en 390 puntos da ruta xacobea na provincia

Por 6 Agosto, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, informou en Lourenzá que a Campaña ‘No Caminas Sola’, por un Camiño de Santiago libre de violencias machistas, está presente en 390 puntos da ruta xacobea ao seu paso pola provincia de Lugo. Trátase do programa  impulsado polas unidades contra a Violencia de Xénero das comunidades autónomas polas que pasa o Camiño de Santiago para reforzar a protección das peregrinas. Isabel Rodríguez presentou esta mañá a iniciativa nun acto que tivo lugar na Praza do Conde Santo de Lourenzá, na que tamén participaron a alcaldesa, Rocío López; o presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia, Alejandro Sánchez; o comandante da Garda Civil en Lugo, Carlos Barceló; e a xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, María Luisa Castro.

A subdelegada explicou que a campaña trata de facilitar o acceso a todos os recursos e a sensibilizar, previr e denunciar as violencias sobre as mulleres. Con este obxectivo elaborouse un material específico, que foi distribuído nos principais puntos de referencia para as peregrinas. Na provincia de Lugo distribúense 390 carteis e 7.020 tarxetas, editadas en español e inglés, en 162 albergues públicos e privados, 121 oficinas de farmacia, 52 centros hospitalarios, 23 postos da Garda Civil, 3 comisarías da Policía Nacional, 10 comisarías das policías locais e 20 oficinas de turismo en 31 concellos polos que pasan os camiños Francés, Primitivo, do Norte e de Inverno.

As tarxetas inclúen información de emerxencias e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como da aplicación AlertCops, para comunicar en tempo real calquera alerta con envío de localización. Un código QR enlazaraas cunha web de recursos do Executivo para atender calquera necesidade a través da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, do Ministerio de Igualdade.

Reforzar a seguridade das mulleres

Isabel Rodríguez lembrou que no 2022 o 53% das 230.000 persoas que realizaron o Camiño de Santiago foron mulleres que, ademais, cada día optan por facer o percorrido en solitario. “É aí onde cobra relevancia o programa do Goberno cuxo obxectivo é reforzar a seguridade das mulleres durante a súa peregrinación a Compostela”, sinalou.

Nesta liña, a subdelegada cualificou de “fundamental” o apoio do Colexio de Farmacéuticos, dos centros sanitarios, dos albergues e das distintas forzas de seguridade que colaboran neste programa “porque son puntos que ofrecen proximidade e confianza á cidadanía, ademais de ser moi visitados polos peregrinos, debido ás características que implica realizar o Camiño, co que iso implica na difusión desta iniciativa”, asegurou.

Durante a presentación da campaña, a subdelegada visitou unha das oficinas móbiles de atención ao peregrino que ten como principais obxectivos incrementar a seguridade cidadá en lugares ou zonas de maior concentración de peregrinos, potenciar a atención persoal facilitando información sobre medidas e consellos de seguridade, atender ás vítimas de delitos (asesorándolles e apoiándolles nos trámites necesarios), e en xeral, proporcionar calquera tipo de información sobre o Camiño de Santiago ou servizos públicos dispoñibles.

Compromiso na loita conta a violencia machista

A subdelegada destacou que o Goberno priorizou no seu mandato a loita contra a violencia de xénero “comprometéndose cuns orzamentos récord, políticas de prevención e recursos suficientes para a protección das mulleres vítimas e dos seus fillos e fillas”. Neste sentido, avanzou que o Goberno investiu en Lugo 1,3 millóns de euros dende 2019 en políticas centradas nesta materia. Esta cantidade destinouse a financiar actuacións do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ademais dos fondos do Plan de Recuperación para impulsar a creación dun centro de atención 24h a vítimas de violencia sexual na provincia.

Así mesmo, lembrou que en Lugo hai 637 casos activos no Sistema Viogen (Sistema de Seguimento Integral dos Casos de Violencia de Xénero) do Ministerio do Interior e que 5 concellos da provincia xa cooperan con este programa de seguimento e protección de vítimas. Rodríguez lamentou que “a nosa sociedade segue convivindo con ese terror” e subliñou que urxe erradicar a violencia machista, “non pararemos ata conseguilo”.