Skip to main content
Lourenzá

Comezan as festas do Conde Santo de Lourenzá

Por 25 Agosto, 2023Sin comentarios

As festas do Conde Santo en Lourenzá celebraranse desde hoxe, venres 25, ata o luns 28. Nesta fin de semana haberá tamén o XXIV Día da Bicicleta, a primeira concentración de camións, a tradicional mostra folclórica e o terceiro certame de bandas de música. Os festexos foron presentados polos organizadores e a alcaldesa, Rocío López.

As actividades empezarán mañá, venres, co XXIV Día da Bici, evento que empezará ás 18:00 horas na praza do Conde Santo, desde onde se fará un percorrido de 12 quilómetros ata A Cazolga. Ao final haberá probas e competicións en entregaranse trofeos e agasallos sorpresa. As inscricións serán a partir das 17:00 horas na praza. E ás 22:00 horas terá lugar a cea baile Lenda do Conde, na que haberá as actuacións de Toxo Guayaba, DJ´s e El niño lápiz.

O sábado 26 sairán os Cocos ás 11:30 horas, ás 12:45 haberá misa solemne e a partir das 14 horas sesión vermú coa orquestra La Favorita, que tamén amenizará a verbena xunto a Ritmo Bakano. Ademais ás 18:00 horas empezará a VI Milla Lourenzá e ás 19:00 horas no claustro terá lugar a mostra folclórica na que actuarán a agrupación Osorio Gutiérrez e As Cantigas de Elena. E ás 20:00 horas A Charanga de Carmiña ofrecerá un pasarrúas.

O sábado celebrarase ademais a primeira concentración de camións, para a que están inscritos uns 80 vehículos. Ás doce do mediodía empezarán unha ruta desde o recinto feiral de Vilanova polo val de Lourenzá, despois participarán na sesión vermú e xuntaranse nunha comida e ao longo da tarde sortearán agasallos e entregarán premios.

O domingo 27 sairán os Cocos ás 11:30 horas, ás 12:30 horas a Banda de Lourenzá ofrecerá un pasarrúas e ás 13:00 horas celebrarase unha misa solemne. Ás 14:00 horas empezará a sesión vermú na que actuará Mar de Arousa, que tamén estará na verbena xunto a orquestra Cinema. Ás 17:30 horas volverán saír os Cocos e ás 18:00 disputarase o torneo de fútbol Conde Santo entre os equipos das Escolas Deportivas Lourenzá e o Iberia Club de Fútbol. Ás 18:30 horas terá lugar no claustro o terceiro certame de bandas de música, no que participarán a de Cedeira e a de Lourenzá, con entrada gratuíta. E ás 20:30 horas a charanga NBA ofrecerá un pasarrúas.

E o luns 28 rematarán os festexos coa saída dos Cocos ás 11:30 horas e unha sesión vermú desde as 14:00 horas amenizada polo dúo Epo-k.