Skip to main content
Lourenzá

O PP esixe á Deputación mellorar a seguridade da vía LU-P-2804 en Lourenzá

Por 30 Agosto, 2023Sin comentarios

O Grupo Provincial Popular esixe ao goberno da Deputación de Lugo que preside o socialista José Tomé mellorar a seguridade da vía LU-P-2804, unha estrada que comunica o barrio da Cazolga con Vilanova de Lourenzá e a N-634 e que rexistra un gran volume de tráfico constante por ser empregada tamén por veciños de parroquias lindeiras do municipio de Mondoñedo e por camións que sacan madeira dos montes da zona.

O voceiro, Antonio Ameijide, a vicevoceira, Carmen José López, e o deputado mariñán José María Fernández, achegáronse a coñecer de primeira man as peticións dos veciños xunto aos representantes do Grupo Municipal Popular de Lourenzá e comprometéronse a trasladar ante o bigoberno da Deputación as súas demandas: aumentar o ancho da vía valorando a posibilidade de acondicionar cunetas practicables, instalar quitamedos en zonas coma a marxe do río e colocar de sinais de prioridade de paso na ponte e noutra zona estreita ao pé dunha vivenda.

“Boa parte dos usuarios da vía, como nos contaron os veciños cos que nos reunimos, sufriron algún sinistro polo que están fartos de seguir asumindo riscos a diario” debido á anchura insuficiente da vía que dificulta o cruzamento de dous vehículos -chegando a ser imposible cando se trata dun camión ou do autobús escolar-. A circulación tamén é perigosa nas curvas con escasa visibilidade, na ponte estreita onde non está sinalizada a prioridade de paso e en tramos afectados polas árbores; xa sexa polas pólas que invaden espazo ou pola presenza de verdín que inutiliza parte da calzada porque os condutores o consideran perigoso. A ausencia de arcéns ou espazo practicable á beira da calzada nalgún tramo tamén é perigoso, especialmente, á beira do río onde non hai quitamedos e os vehículos poden caer se se vén obrigados a aproveitar o espazo ao cruzarse con outros.

Ameijide agarda que “o presidente e o bigoberno da Deputación atendan estas peticións co obxectivo de mellorar a seguridade dos veciños da Cazolga. A institución provincial non pode ser allea aos problemas dos veciños da provincia; senón que debe poñer os medios para facilitar a súa vida diaria; ademais de contribuír ao desenvolvemento das actividades económicas como é a extracción de madeira -xa que o forestal é o principal sector da zona- en condicións de seguridade”.