Skip to main content
LugoMonforte

Dous institutos de Lugo e un de Monforte ofrecerán formación en inglés

Por 8 Agosto, 2023Sin comentarios

Un total de 139 ciclos e másteres de  Formación Profesional desenvolverán parte do seu currículo nunha lingua estranxeira no curso 2023/24. A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva pola que se autoriza un total de 67 ciclos formativos e 6 cursos de especialización plurilingües que comezan a partir de setembro en 26 centros educativos galegos.

En 66 deles a formación realizarase a través de módulos en inglés, algúns deles combinados con outros idiomas como o francés, o italiano ou o alemán; e nos sete restantes desenvolverase en portugués. Estas novas ensinanzas súmanse aos 66 ciclos iniciados no pasado curso 2022/23, que no vindeiro ano académico impartirán módulos de segundo curso en diferentes idiomas.

Deste xeito, este ano haberá en Galicia un total de 26 centros con esta oferta sendo na provincia de Lugo un total de tres centros, o CIFP Politécnico de Lugo e o CIFP As Mercedes na capital lucense e o IES A Pinguel en Monforte de Lemos.

Cómpre lembrar que, a maiores e como novidade no curso 2023/24, todos os ciclos de grao medio e de grao superior na modalidade de FP dual (un total de 176) contarán con módulos de Lingua estranxeira profesional.

Os ciclos formativos e másteres de FP plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias lingüísticas do alumnado de FP co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos. Neste sentido, o desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilitará o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través de iniciativas como o programa Erasmus+.