Skip to main content
Lugo

Alvarellos culpa á Xunta de non ter en marcha a praia fluvial e o PP a Lara Méndez

Por 25 Agosto, 2023Sin comentarios

“Lugo afronta a cuarta ola de calor coa zona de baño fluvial bloqueada pola Xunta. A cidade superou onte o pico da actual sen que os servizos municipais rexistraran incidencias de gravidade. Afortunadamente non tivemos que intervir, escenario que por outra parte é relativamente habitual neste tipo de contextos. Si é certo que o servizo de socorrismo fluvial detectou un importante incremento de bañistas en diversos puntos da ribeira, algo co que xa contábamos ante a previsión meteorolóxica. É preciso sinalar que este é o cuarto episodio de temperaturas extremas que afrontamos sen poder habilitar a zona de baño fluvial polos continuos impedimento da Xunta ”, explicou a tenenta de alcaldesa, Paula Alvarellos.

Durante o seu balance, a voceira afeou ao Goberno autonómico o seu persistente boicot a esta instalación gratuíta que permitiría a veciñanza contar cunha alternativa segura para combater as altas temperaturas no Miño como parte da veciñanza fixo onte cando se superaron os 40 graos. “Dispor dunha instalación que cumpra con esta demanda social é unha prioridade deste Goberno, pero a pesar da vontade política e o investimento dedicado a este fin, atopámonos por segundo ano consecutivo coa oposición frontal da Xunta a facer uso da concesión que temos autorizada no río nun claro intento do Goberno autonómico de torpedear a xestión municipal”, afirmou a edila.

“É lamentable, que o Partido Popular utilice as institucións ao seu antollo co único obxectivo de intentar tapar a transformación como urbe que experimenta Lugo e coa que pretendemos adaptarnos as consecuencias do cambio climático. A marxinación neste asunto por parte da Xunta repercute de forma negativa na calidade de vida de case 100.000 persoas ás que se lle está a limitar a súa calidade de vida e ás que se lle impide gozar de forma segura e cómoda dun dos principais patrimonios naturais dos que dispoñen os lucenses como é o río Miño. O baño non é unicamente unha cuestión de ocio. Esta práctica ten asociados beneficios sobre o benestar que cobran especial relevancia ante contextos ambientais como o que estamos a experimentar este días. Para nós non é un tema menor. Seguiremos pelexando, imos defender os dereitos das e dos lucenses ante estas prácticas caciquís da Xunta”, concluíu Alvarellos.

PARTIDO POPULAR

O PP pola súa banda afirma que Lugo non ten praia “porque Lara Méndez desistiu dela”. O Partido Popular pide ao bipartito que se deixe de manipular e de faltar á verdade lamentando o oportunismo das declaracións do goberno local con respecto á praia fluvial no Miño indicando que “con este tipo de saídas se confirma que o novo goberno non mudou de estratexia e que, en vez de traballar, utiliza o ataque e a confrontación como folla de ruta para ocultar a súa falta de traballo”.

Os populares pregúntanse como pode a alcaldesa achacar á Xunta un boicot ao proxecto “cando hai unha resolución do ano 2016 da CHMS na que se indica que se declara desistida a solicitude para autorizar a zona de baño no Miño” porque na Diputación, onde Lara Méndez era a vicepresidenta, en CINCO anos non aportou a documentación que se lle requerira para este proxecto.

“Lara Méndez non é crible cando fala da praia fluvial cuxo partido, con responsabilidades no Concello e na Deputación, a que leva prometendo dende o ano 2011. Se os lucenses estamos pasando outro verán máis sen poder gozar dunha zona de baño público no Miño é pola improvisación e a torpeza de socialistas e nacionalistas”, din.