Skip to main content
Lugo

Relatorio sobre as proteínas do futuro, a cargo de Aarti Tobin

Por 28 Agosto, 2023Setembro 6th, 2023Sin comentarios

A investigadora explicará o 5 de setembro na APLTA o traballo que está a desenvolver a axencia australiana CSIRO para atender, a través da ciencia e a tecnoloxía, a crecente demanda mundial de proteínas animais e vexetais.

A responsable das investigacións sobre proteínas animais na área de “alimentos do futuro” da Commonwealth Scientific and Industrial Research Organisation (CSIRO), unha das axencias de investigación máis importantes del mundo, Aarti Tobin, impartirá o martes 5 de setembro, a partir das 10.30 horas, un relatorio sobre as proteínas do futuro nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC.

Tobin centrará a súa exposición, que se desenvolverá en inglés, na folla de ruta desenvolvida por este centro australiano para, a través da ciencia e a tecnoloxía, tratar de dar resposta á crecente demanda mundial de proteínas (animais e vexetais) co obxectivo de aumentar e diversificar a capacidade de produción.

Ao remate da súa intervención, a doutora Aarti Tobin manterá un encontro informal co público asistente, durante o que tanto representantes do tecido empresarial como da comunidade investigadora, poderán intercambiar impresións e mesmo ideas de colaboración no plano científico.

Con 6.500 científicos, a acción de CSIRO na área de alimentos do futuro é unha mostra clara de como a institución desenvolve a súa investigación. De feito, propón agregar valor aos alimentos da industria en 3 billóns de dólares anuais mediante financiamento público, pero coa participación de socios: centros de investigación pública e privada, universidades, empresas agroalimentarias e empresas de tecnoloxía alimentaria.