Skip to main content
Lugo

A área de Participación retoma os obradoiros infantís no Mercado Municipal

Por 31 Agosto, 2023Sin comentarios

Cada sábado, entre as 11 e as 14 horas, o Mercado Municipal acollerá un obradoiro para nenas e nenos de 4 a 12 anos, facilitando a conciliación das familias e promocionando o Mercado.

Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo e Cristina López, concelleira de Participación, presentaron a nova edición dos obradoiros infantís que terán lugar as mañás dos sábados nas instalacións do Mercado Municipal. Cristina López explicou que “durante o primeiro semestre do ano esta foi unha das actividades con máis aceptación por parte da veciñanza, acollendo en total a 839 nenas e nenos”.

O Goberno de Lugo retoma a celebración destes obradoiros “co obxectivo de promocionar unhas instalacións históricas e referentes do comercio de proximidade como son a Praza de Abastos e o Mercado Municipal, ao mesmo tempo que facilitamos a conciliación familiar”.

As actividades están destinadas a nenas e nenos entre 4 e 12 anos, e tratarán temas como a reciclaxe, a creatividade ou a cociña, tratando temas como o coidado do medio ambiente ou a creatividade.

“Continuamos a traballar para dinamizar a Praza e o Mercado con este tipo de actividades, que permiten que as nenas e nenos pasen unha mañá realizando actividades lúdicas e formativas”, afirmou Cristina López, que engadiu “convidamos á veciñanza de Lugo a realizar as súas compras na Praza e no Mercado, desfrutando da atención personalizada das e dos distintos comerciantes da instalación e da calidade dos productos dos distintos postos, referentes do comercio de proximidade”.