Skip to main content
Pedrafita

Pedrafita: Ruta do Milagre

Por 13 Agosto, 2023Agosto 14th, 2023Sin comentarios

A Ruta do Milagre conta cun total de 6,4 quilómetros de ida e volta, un percorrido de dificultade media para realizar en aproximadamente dúas horas.

A Ruta do Milagre de Pedrafita do Cebreiro realiza o percorrido que segundo relata a Lenda do Milagre realizaba un dos protagonistas do milagre do Santo Graal do Cebreiro, Juan Santín. A lenda conta que no ano 1300 un crego da parroquia do Cebreiro daba misa nunha igrexa deserta a causa do forte temporal, sen embargo, un veciño do pobo de Barxamaior desafiando a tempestade achegouse ata a igrexa a recibir eucaristía. O crego desprezou o esforzo de Juan Santín “por un pouco de pan e de viño” e nese momento a hostia converteuse en carne e o viño en sangue.

Así esta ruta da comezo en Barxamaior onde se pode visitar a casa onde viviu Juan Santín e un gran castiñeiro centenario que segundo din plantou o protagonista da lenda. Ademais nesta pequena aldea poderemos tamén visitar a Capela dos Milagres.

Dende Barxamaior continuaremos o camiño ata Fontevedra, primeiro pola estrada para a continuación continuar por un camiño a man dereita cando a estrada realiza un cambio de sentido. No núcleo de Fontevedra poderemos observar construcións típicas do rural galego como hórreos de pedra que acostumaban a gardar a gra. Unha vez saímos do pobo continuaremos a ruta por un camiño de terra case paralelo a estrada Lu-633 que rematan unificándose antes de chegar ao Cebreiro.

Esta ruta remata no Cebreiro, unha pequena aldea situada a 1300 metros de altitude en pleno Camiño Francés. Esta aldea tradicional recuperada conta con diversos elementos patrimoniais de grande interese como o Conxunto Etnográfico do Cebreiro que foi declarado Conxunto Histórico Artístico en 1962 polo seu gran valor patrimonial e está constituído por catro pallozas, tres delas musealizadas e unha cuarta que se emprega como almacén.

Cunha superficie aproximada de trescentos metros cadrados este grupo de pallozas serve como recreación da vida na montaña lucense. A palloza é unha vivenda adaptada ao medio, a súa peculiar configuración está relacionada coa adaptación ao clima e ao modelo económico da montaña.

Outro dos elementos patrimoniais que debemos visitar no Cebreiro é a igrexa de Santa María a Real do Cebreiro un santuario construído no século IX, e restaurada no ano 1962, que está considerada un dos monumentos máis antigos do Camiño Francés.

De estilo prerrománico conta cunha planta rectangular e cuberta a dúas augas con tellado de lousa. A igrexa posúe muros moi grosos e tres naves de dezaoito metros de lonxitude que están separadas por dous anchos piares a cada lado.

As ábsidas son rectangulares e non teñen vans, algo que se explica polas difíciles condicións climáticas da zona. No interior da igrexa podemos atopar dúas capelas e destaca unha gran pila bautismal, do s. XVIII, na que se realizaba o bautismo por inmersión.

Tamén podemos apreciar unha figura da Virxe do Cebreiro, do século XII e un relicario que foi regalado polos Reis Católicos cando viaxaron a Galicia en 1486 onde se garda o Santo Graal e unha patena.

Durante todo o camiño podermos desfrutar dunha paixase natural privilexiada, nunha zona de montaña con grandes vistas ademais de ser unha ruta cun gran interese pola súa fauna e flora tanto nos puntos de comezo e remate como ao longo do seu percorrido. Ademais conta con puntos de interese etnolóxicos e artísticos para poder desfrutar dunha experiencia completa.