Skip to main content
LugoPedrafita

Excelentes resultados na poxa de Acruga de Pedrafita, na que se alcanzou un prezo medio de 2.758 euros

Por 5 Abril, 2024Sin comentarios

O recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro non defraudou e cumpriu coas expectativas que sempre esperta unha das poxas máis importantes das que Acruga celebra na provincia de Lugo. Todos os animais foron adxudicados por encima dos prezos de saída, o que permitiu pechar a poxa cun prezo medio de 2.758 euros. A xata que logrou o récord nesta poxa adxudicouse por 3.150 euros e irá parar a unha explotación de Castroverde. O resto de exemplares viaxarán ata as granxas de criadores de Samos, Becerreá, As Nogais e dous no municipio do Corgo.

O bo tempo animou á afluencia de xente ata o recinto feiral dun concello que leva anos celebrando poxas en colaboración con Acruga e coa Deputación de Lugo, onde se recría ás xatas que levan a estas poxas e que forman parte do rabaño de elite da Granja Gayoso Castro. Pedrafita, que segundo explica o presidente de Acruga, César Dorado, “É xunto con Adai unha das poxas máis importantes e máis veteranas do noso calendario sempre lanza bos resultados. Esperabamos boas cotizacións e un ano máis se conseguiron. Ademais, falamos con algúns dos ganaderosy gandeiras que asistiron a esta poxa e comentáronnos que a calidade das reses era excelente e iso é algo moi positivo para nós e para o traballo que desenvolvemos conxuntamente coa Deputación de Lugo na granxa Gayoso Castro. En definitiva, estamos moi satisfeitos cos resultados desta poxa”.

Pasadas as doce da mañá comezou a poxa destes seis exemplares, #xato preñadas de entre 24 e 27 meses de idade, todas elas preñadas e con moi boas valoracións no que respecta a a súa xeneaología, produción e capacidade reprodutiva. A asistencia de compradores foi alta, como afai pasar neste concello de Pedrafita, tanto na súa cita de abril como na poxa de setembro, o que supuxo un total de 28 tarxetas de posibles compradores.

O prezo medio alcanzado, eses 2.758 euros, supera ao da anterior poxa, a primeira do ano, que tivo lugar en Becerreá e que se pechou cunha cotización media de 2.635 euros e que supón un lixeiro aínda que importante incremento do prezo medio, que se espera mantéñase ao longo do ano. Para o presidente de Acruga, César Dorado, “estes bos prezos demostran que os gandeiros avalan a excelente calidade dos exemplares que traemos a estas poxas. Facemos un esforzo por presentar o maior número de reses, para dar resposta a unha demanda que continúa á alza”.

Unha vez rematada esta cita, a Asociación de Criadores de Raza Loura Galega comezará xa a preparar a seguinte poxa, que terá lugar na Fonsagrada, o próximo día 27 deste mes, á que lle seguirán varias poxas para un mes de maio moi completo, no que por agora están confirmadas poxas na Pobra de San Xillao, en Láncara, o día 1 de maio, no marco da festa da Tenreira Galega; o 4 de maio, en Seoane do Courel; o 11, no municipio de Cervantes; e o 28 na parroquia ribadense de Arante.