Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación esixe á Xunta a fin dos recortes de persoal na educación pública

Por 6 Agosto, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia que poña fin aos recortes de persoal na educación pública, que dende que goberna o PP na comunidade autónoma supuxeron a redución de 841 profesoras e profesores, segundo un informe da propia Consellería. Así se acordou tras unha proposta do Goberno no Pleno ordinario do mes de xullo que se celebrou este mércores e que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e os votos en contra do PP.

A voceira socialista, Pilar García Porto, fixo referencia ao anuario Datos e Cifras da Ensinanza non Universitaria elaborado pola propia Xunta para debuxar a situación que está a vivir a educación pública en Galicia en xeral, e na provincia en particular, porque “as dúas velocidades cara onde camiña a Xunta de Galicia no rural e no urbano fan que o asentamento de poboación nas zonas rurais aínda sexa cada vez máis complicado”.

“A política de abandono do rural galego por parte da Xunta do PP fai que as familias teñan cada vez menos opcións para comezar o seu proxecto vital lonxe das cidades máis grandes e con máis servizos”, denunciou García Porto, quen sinalou que, segundo os datos dese mesmo informe, dos 1.246 centros escolares que había no ano 2008 quedan 1.082, un 13% menos.

A deputada contrapuxo esta política de recortes coa que tiña en marcha o bipartito de PSdeG e BNG con medidas como a gratuidade dos libros de texto para a educación primaria, unha medida que eliminou Alberto Núñez Feijóo “nada máis entrar no Goberno da Xunta”.

Puxo como exemplo dos “continuos recortes da Xunta do PP en educación” o que sucede nos colexios públicos de Abadín e do Incio. No CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, de Abadín explicou a socialista que “o curso que vén o plantel vaise ver reducido en dous profesores” a pesar de manter o alumnado e de que o centro conta cun 16% de escolares con necesidades educativas especiais o que fai que a situación sexa “máis sangrante”. No caso do concello do Incio, “a Xunta de Galicia vai recortaren tres especialistas para nenos e nenas con necesidades especiais e necesidade de apoio educativo”.

Recortes que segundo expuxo García Porto “leva á comunidade educativa a unha situación moi complicada, xa que supón o agrupamento de varios cursos diferentes nunha mesma aula e cun só docente. Isto significa unha perda de calidade no ensino que van recibir os nenos e nenas”.

Por todo iso, a Deputación de Lugo reclama agora ao Goberno autonómico que rectifique e non recorte o profesorado nestes centros; que instaure un sistema universal de gratuidade de libros de texto para todas as etapas do ensino obrigatorio, semellante ao que estivo en vigor durante os anos do Goberno de Pérez Touriño; que poña en marcha un plan educativo específico para o rural galego que se adapte ás necesidades reais ofertando unha educación pública e de calidade; e que remate coa política de recortes de persoal, garantindo que todos os centros lucenses conten co profesorado necesario para impartir todos os niveis académicos e ciclos formativos antes de que dea comezo o novo curso escolar.

Medidas “urxentes” fronte ás carencias da sanidade pública

A institución provincial tamén reclama á Xunta de Galicia “medidas urxentes para resolver as carencias da sanidade pública na provincia de Lugo”. Así o aprobou tamén o Pleno da Deputación, a iniciativa do grupo socialista, cos votos a favor do PSdeG e do BNG, e en contra do PP.

García Porto expuxo que “a xestión de Feijóo, e agora de Rueda, traduciuse nun recorte de preto de 1.100 postos de traballo en Atención Primaria en toda Galicia, o peche de centros de saúde de Castro, Parga, Castro de Rei e agora tamén o de Nadela, en Lugo, que leva sen abrir todo o mes de xullo e descoñecemos a data de reapertura”. Na súa argumentación, a socialista denunciou que o PP “leva anos tratando aos lucenses como cidadáns de segunda” e que, “se non chega a ser pola presión da cidadanía e dos socialistas a través das históricas mobilizacións nas rúas, non teríamos o servizo de hemodinámica as 24 horas, nin radioloxía, nin medicina nuclear no HULA”.

A Xunta, subliñou a deputada, “non cubre as xubilacións, nin as baixas, nin as vacacións do persoal sanitario, o que converte o verán nunha época de alto risco para a saúde dos galegos e das galegas”, tendo en conta ademais que nestes meses aumenta a poboación.

Defendeu que a pesar dos esforzos investidores do Goberno central de Pedro Sánchez para tratar de reforzar a atención primaria e a asistencia sanitaria, “con 37,8M€ extras para Galicia, o Partido Popular de Feijóo e Rueda deixou sen convocar 151 prazas MIR de médicos de familia, recortou 900 camas hospitalarias e precarizou as condicións laborais dos profesionais sanitarios”.

Un “maltrato constante” no caso da provincia de Lugo, onde a voceira socialista apuntou que a Xunta pechou este verán 144 camas: 68 no HULA, 38 no Hospital de Monforte de Lemos e outras 38 no Hospital da Mariña.

Entre as medidas que a Deputación de Lugo esixe á Xunta está a convocatoria extraordinaria de especialistas en medicina de familia; a dotación de persoal suficiente para dar cobertura ás baixas, xubilacións e vacacións; abrir un proceso de diálogo cos profesionais do sistema sanitario; ou que convoque todas as prazas MIR que ten á súa disposición.

Tribunal Administrativo de Asuntos Contractuais da provincia de Lugo

Outro dos asuntos que saíu adiante na sesión plenaria desta mañá foi o primeiro paso para que a Deputación cree un Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da provincia de Lugo. Un órgano especializado e funcionalmente independente para resolver os recursos especiais en materia de contratación co obxectivo de ofrecer un mellor servizo aos diferentes concellos da provincia, gañando en eficacia e eficiencia.

PARTIDO POPULAR

Os deputados populares critican a “nula transparencia e falta de vontade para tratar de xeito igualitario aos lucenses” independentemente do municipio no que residan tras ver como o goberno provincial negouse a crear unha mesa de traballo para repartir de forma xusta os medios do parque móbil entre todos os concellos lucenses para que poidan realizar os traballos de arranxo e mantemento necesarios nas redes viarias de titularidade municipal.

O voceiro provincial popular sinala que “pese a que era de agardar este rexeitamento, non deixa de ser unha decepción, xa que o goberno de Tomé está a dar as costas a miles de veciños da provincia”, chegando ao extremo de que “hai medios do parque móbil que nos últimos catro anos non marcharon de Monforte e seguramente nestes próximos catro anos pasará o mesmo”.

“Os datos son teimudos e amosan como nos primeiros cinco meses de 2023 o goberno de Tomé asinou 58 convenios de colaboración cos concellos da provincia, aprobados en xunta de goberno, para realizar tarefas de mantemento da rede viaria, sendo 44 destes concellos gobernados polo PSOE, 11 polo BNG, 3 independentes e ningún polo PP”, din.

Uns convenios que se traducen nun investimento de 10.533.037,49€, dos que 9.250.361,72€ foron a municipios gobernados por socialistas; 1.055.453,26€ a concellos gobernados por nacionalistas e 227.222,51€ investidos en municipios liderados por independentes. “O resultado é a ausencia de convenios con concellos gobernados polo Partido Popular, unha clara discriminación cos lucenses da provincia, xa que a maior parte dos municipios están gobernados por alcaldes e alcaldesas populares”, sinalan.

Constitución da comisión de queixas e suxestións

Os deputados populares tamén pediron que o goberno provincial constituíse a comisión de queixas, suxestións e reclamacións da Deputación Provincial para poder facer un seguimento das reivindicacións que fan os veciños da provincia. “O que fixeron os deputados socialistas e nacionalistas foi votar en contra de aplicar o artigo 74 do Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, que PSOE e BNG aprobaron en 2020 e que foi publicado no BOP o 3 de setembro dese mesmo ano.

Os populares non entenden “o non polo non” de PSOE e BNG xa que nesta comisión todos os grupos políticos poderían realizar un seguimento das queixas realizadas polos lucenses, garantindo “a defensa dos dereitos dos veciños”.

Outras iniciativas

Antonio Ameijide esixiu luz e taquígrafos ao goberno provincial acerca da creación dun ‘Tribunal administrativo de recursos contractuais da Deputación Provincial de Lugo’ que hoxe aprobaron en pleno tanto PSOE como BNG.

O voceiro popular recordou que en Galicia xa existe un órgano de relevancia neste sentido, o Tacgal, creado hai máis de 5 anos e que dá servizo a todas as entidades locais de Galicia para contratos de máis de 3M€ ou de subministros e servizos de máis de 100.000€, unhas competencias que “agora o goberno provincial quere duplicar, non sabemos moi ben con que obxectivo”.

“A realidade é que Tomé debe de explicar publicamente os motivos de duplicar funcións creando ‘chiringuitos’, aumentando así o gasto, e, seguramente, para colocar a afíns”, sinalan.

Os populares piden a Tomé que en lugar de crear novos órganos que “semellan non ser necesarios” teña a vontade suficiente para ler os informes da interventora provincial que “incide na necesidade de afondar na dixitalización da Deputación e o departamento de contratación, incrementar os medios persoais, a formación continúa, respectar prazos legais ou garantir e dar coñecemento dos seus dereitos aos licitadores, entre outras necesidades”.

Por outra banda, o Grupo Provincial Popular pediu ao goberno provincial que retirase da orde do día unha iniciativa relativa a Educación xa que os datos ofrecidos polos voceiros do PSOE e do BNG, así como das cifras reflectidas na exposición de motivos da proposta “están falseadas” polo que “o máis lóxico é que, por educación e transparencia, retirasen a moción da orde do día e a trouxeran de novo no seguinte pleno, ofrecendo os datos reais para non debater sobre mentiras”.

Os populares contrastaron os datos que defenderon socialistas e nacionalistas cos alcaldes de Abadín e O Incio e comprobaron como a realidade dista moito do que quere facer ver o goberno provincial. A proposta que defenderon tanto PSOE como BNG “non é sería”. “Non se poden expoñer datos falsos porque o único que tentan tanto socialistas como nacionalistas é enganar á veciñanza”.

Os populares explican que os datos non amparan a proposta do goberno provincial. En primeiro lugar, falan de que en Abadín hai un 16% de rapaces con necesidades especiais, un dato que “non sabemos de onde sacaron, xa que é confidencial e que, segundo as consultas realizadas polos deputados populares “non está corroborado e que molestou moito ás nais e pais do alumnado do colexio”.