Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O curso escolar iniciarase en Galicia o día 11 con 225.013 alumnos

Por 27 Agosto, 2023Sin comentarios

O número de estudantes baixa de maneira destacada en Infantil e Primaria, mentres que se mantén estable en Bacharelato e sobe lixeiramente na ESO.

O curso escolar 2023/24 arrancará en Galicia o vindeiro 11 de setembro cun total de 11.924 aulas para 225.013 alumnos das etapas de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato no sistema educativo público. Isto supón un reforzo do número de unidades para o próximo ano académico en comparación co curso anterior (no que estiveron en funcionamento 11.916 aulas para as ditas etapas) malia rexistrarse case 2.000 matrículas menos (o curso 2022/23 foron 226.811 alumnos).

Por etapas, o número de estudantes descende en Educación Infantil e Primaria, en concreto en 2.643 alumnos menos, e, en menor medida, en Bacharelato, con 115 alumnos menos. Pola contra, a ESO experimenta unha lixeira suba de 960 persoas, en base ás previsións dispoñibles pola Administración na actualidade ata que se peche o proceso.

A este respecto, o Diario Oficial de Galicia publica a modificación do catálogo de unidades do sistema público nas etapas de Infantil e Primaria, que é o resultado da organización atendendo aos datos oficiais de matrícula rexistrados.

Para a escolarización no próximo curso, a Consellería recibiu arredor de 15.000 solicitudes de praza para nenos e nenas que entran por primeira vez nos colexios da Comunidade (concretamente o alumnado de tres anos que entra en 4º de Educación Infantil), para quen se oferta algo máis de 26.000 prazas dispoñibles no sistema.

Isto supón que preto do 58% das prazas de novo ingreso ofertadas quedan libres. É dicir, que o 99,2% do alumnado que solicitou praza en 4º de Infantil nos centros das catro provincias para este curso obtívoa no colexio escollido como primeira opción, polo que practicamente a totalidade das familias escolarizan os seus fillos na escola que demandan.

Tres centros sen matrícula suficiente

Atendendo aos datos de matrícula e ás necesidades de escolarización, cada ano lévanse a cabo as adaptacións necesarias en todo o territorio. Nesta ocasión, debido á insuficiente matrícula por falta de alumnado, deixan de funcionar os centros CEIP de Torrexallóns en Laxe (1 matrícula), CEIP de Pousada Carcacía en Padrón (2 matrículas) e a Escola de Educación Infantil de Carnés en Vimianzo (4 matrículas). Os nenos destes centros teñen xa praza nos colexios de referencia dos seus respectivos concellos.

Os últimos informes a nivel nacional indican que en Galicia o 99,7% do alumnado de Infantil e Primaria conta con servizo educativo no concello onde reside. Isto supón que só o 0,3% non dispón del no seu municipio fronte ao 1,2% de media de España.

Por outra banda, para atender a demanda en determinadas zonas cuxo dinamismo demográfico o fai necesario, a Consellería ten en execución ou programadas obras de ampliacións nos colexios Agro do Muíño (Ames) ou As Mirandas (Ares) e nos institutos Pedras Rubias (Salceda de Caselas), Antón Losada Diéguez (A Estrada), Ferro Couselo (Ourense) ou Aquis Celenis (Caldas de Reis). A eles súmanse os centros de nova construción previstos: o colexio do Milladoiro en Ames e o instituto de Navia en Vigo.

Ademais, co fin de atender as necesidades académicas do alumnado e garantir a calidade do ensino, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades dotará as aulas con todo o profesorado necesario, que se reforzará con respecto ao pasado curso.

Cómpre lembrar que as rateos establecidas pola normativa estatal para Infantil e Primaria son de 25 alumnos por aula, e en Galicia, o 70% das aulas destas etapas teñen 20 alumnos ou menos (e destas, o 30% teñen 10 ou menos alumnos). A isto engádese que a Comunidade se mantén nos postos de cabeza en rateo alumno/profesor, cunha media de 9,8 estudantes por cada docente fronte á media nacional de 11,4 en España.

Concertos educativos

Doutra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades pola que se aproban os concertos de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Educación Especial e de Formación Profesional. Esta renovación faise seguindo a legalidade vixente.

Segundo a resolución, o vindeiro curso 2023/24 haberá un total de 3.990 unidades concertadas, exactamente as mesmas ca no curso anterior, que dan servizo educativo a arredor de 82.250 estudantes. En base á normativa, os concertos que se aproban teñen unha vixencia máxima de seis anos (ata o curso 2028/29), sen prexuízo das modificacións que se poidan producir durante ese período, conforme ao procedemento de aplicación, axustando as unidades concertadas en función das necesidades de cada curso.

Do total do orzamento, case o 90% está destinado a abonar as retribucións do persoal docente e do persoal complementario nas unidades de Educación Especial.

Conforme á disposición adicional vixésimo quinta da LOE, na súa nova redacción dada pola LOMLOE, os centros que anteriormente podían legalmente diferenciar ao alumnado en función do seu xénero pasan agora a adaptarse ao establecido na normativa estatal. Así, logo de que ditos centros comunicaran a aceptación desta modificación legal na súa petición de renovación de concerto, o proceso de admisión de aplicación é o mesmo que no resto do ensino galego. Dese xeito, calquera familia pode solicitar praza neles, pois desaparece esta tipoloxía de centros na Comunidade e todos son de matrícula mixta.