Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Os socialistas esixen á Xunta que active o proceso de xubilación dos médicos de 14 concellos

Por 29 Agosto, 2023Sin comentarios

O Partido Socialista presentará unha batería de iniciativas, tanto nos concellos, como na Deputación e no Parlamento de Galicia reclamando á Xunta que poña en marcha os mecanismos necesarios para cubrir todas as prazas que quedarán vacantes nos vindeiros meses por xubilación.

O secretario Xeral do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo, José Tomé Roca, esixe á Xunta de Galicia que active xa o proceso necesario para cubrir a xubilación inminente dunha vintena de médicos nos centros de saúde de 14 concellos, que, cunha poboación superior aos 33.000 veciños en total, “están en risco de quedarse sen cobertura sanitaria”.

Así o manifestou José Tomé, tras manter un encontro, xunto á secretaria de Organización provincial, Pilar García Porto, e o voceiro socialista no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, cos alcaldes, alcaldesas e voceiros do partido dos municipios afectados: Láncara, Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita, As Nogais, O Incio, Portomarín, Antas de Ulla e Begonte, que son o practicamente o 21% dos da provincia.

Tendo en conta que a “práctica habitual” da Consellería de Sanidade é non cubrir as vacantes por xubilación, como tampouco cubre as vacacións, nin as baixas, “estamos ante unha situación moi grave e preocupante”, resultado da “imprevisión, os recortes e a precarización” que aplica a Xunta na sanidade pública galega dende que goberna o PP, subliñou o líder dos socialistas na provincia.

No encontro, o secretario Xeral do PSdeG lucense abordou cos rexedores e portavoces esta problemática e acordáronse “as medidas oportunas para esixir ao Goberno galego que lle dea unha solución inmediata”, pois “os socialistas non vamos permitir de ningunha maneira que se nos trate como cidadáns de segunda, e que a Xunta precarice aínda máis ou que directamente deixe sen cobertura sanitaria nos seus centros de saúde ós veciños e veciñas destes concellos, que representan máis do 10% da poboación da provincia de Lugo. Algo así non ocorreu nunca en Galicia”.

Desta forma, ademais de denunciar publicamente esta situación, o PSdeG presentará unha batería de iniciativas, tanto nos concellos, como no Pleno da Deputación Provincial e no Parlamento de Galicia, reclamando á Xunta que poña en marcha xa os mecanismos necesarios para cubrir todas as prazas de médicos que quedarán vacantes nos vindeiros meses por xubilación.

Así mesmo, reclamará “un plan urxente de mellora do conxunto da Atención Primaria na nosa provincia, pois, como xa manifestamos en diversas ocasións, o 80% dos 67 concellos lucenses sufre graves carencias en materia de persoal nos centros de saúde”, expuxo José Tomé Roca.

“Xogan coa saúde da xente”

O líder dos socialistas na provincia abundou en que a sanidade pública “está vivindo unha situación crítica, realmente insostible”, que é “o resultado das políticas que aplica a Xunta de Galicia dende que goberna o PP, nin máis nin menos, porque o Partido Popular non cre no público. E non crer non público cando falamos de sanidade, significa, directamente, xogar coa saúde da xente”.

Así, Tomé Roca lembrou que o PP “recorta medios, pois, dende que chegou Feijóo hai 1.100 postos de traballo menos na Atención Primaria, 900 camas hospitalarias menos en Galicia, e hai menos centros de saúde, porque os pechan”, destacando que hai “moitos exemplos” na provincia, como Carballedo, Castro de Rei, Parga ou Nadela.

O Partido Popular, engadiu, “privatiza servizos, como vemos todos os días, e o último caso é a derivación dos abortos á privada, o que supón ademais un novo atentado contra os dereitos das mulleres”, e precariza as condicións laborais dos traballadores, entre outras razóns, porque “non cubre por sistema nin as vacacións, nin as baixas, nin as xubilacións dos profesionais”.

Polo tanto, incidiu, “a responsabilidade da situación crítica que está atravesando a sanidade pública na nosa provincia e no conxunto de Galicia é da Xunta gobernada polo Partido Popular. Non valen as escusas, tampouco esa de que non hai profesionais”. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia argumentou neste sentido que, “sendo Feijóo Presidente da Xunta de Galicia renunciou a formar 180 profesionais de Atención Primaria, e só no último ano deixaron sen cubrir 100 prazas MIR para Galicia”. Ademais, “na OPE de enfermaría deste verán presentáronse 10.000 aspirantes para 1.000 prazas”.

En definitiva, sinalou, “hai profesionais. O que non hai é vontade política por parte da Xunta de Galicia para mellorar as condicións e que os profesionais opten por quedarse aquí despois de formarse”.

“Chegaremos ata onde faga falta”

En cambio, os socialistas “si que temos vontade política e si que cremos no público, como demostramos sempre que temos a oportunidade de gobernar”, polo que “chegaremos ata onde faga falta para corrixir a imprevisión e a inacción da Xunta da Galicia, e evitar que os 33.000 veciños de 14 concellos, unha ampla parte da nosa provincia, se quede sen cobertura médica nos seus centros de saúde porque non se cubran as prazas dos profesionais xubilados”.

“Traballaremos dende a oposición para velar pola sanidade pública e cambiar esta situación, mentres non chega o cambio de Goberno na Xunta. Un cambio que Galicia necesita máis ca nunca, e que estou convencido de que se producirá o vindeiro ano nas elección autonómicas da man do Partido Socialista”, concluíu.