Skip to main content
Monforte

Varios dispositivos de seguridade participarán das Festas Patronais de Monforte para protexer aos cidadáns

Por 5 Agosto, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, copresidiron a Xunta Local de Seguridade con motivo das Festas Patronais da cidade que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto.

Así, avanzaron que haberá presenza permanente dos Corpos e Forzas de Seguridade para a prevención, o control e a seguridade dos veciños e veciñas, así como dos numerosos visitantes que cheguen a Monforte neses días, co obxectivo de conseguir o mellor desenvolvemento destas festas populares que darán comezo o venres 11 de agosto e que se estenderán ata o mércores 16.

Con respecto ao dispositivo que se porá en marcha, a subdelegada detallou que se elaborou un plan coordinado, en colaboración coa Policía Local, que ten como fin velar pola tranquilidade da cidadanía, garantir a orde pública e poder dar unha resposta rápida e eficiente no caso de que se producise calquera incidente.

Igualmente, a representante do Executivo na provincia aproveitou para facer un chamamento á colaboración cidadá para que a época estival discorra coa máxima normalidade posible. “A Ribeira Sacra e, concretamente, Monforte reciben miles de turistas durante o verán que veñen a desfrutar da riqueza paisaxística, gastronómica, patrimonial e cultural desta zona do sur da provincia, polo que debemos estar preparados, poñendo o foco na seguridade”.

Dispositivos de seguridade

Con respecto ao dispositivo que se porá en marcha, a subdelegada e o alcalde detallaron a elaboración dun plan coordinado, en colaboración da Policía Nacional e a Policía Local, que ten como fin velar pola tranquilidade da cidadanía, garantir a orde pública e poder dar unha resposta rápida e eficiente no caso de que se producise calquera incidente.

Polo que respecta á Garda Civil, efectivos da mesma prestarán a súa colaboración na periferia da cidade, así como nos seus principais puntos de acceso, coa finalidade de levar a cabo controles de velocidade, alcoholemia e outras substancias que alteran a correcta condución de vehículos.

Na seguridade das Festas Patronais tamén colaborará unha patrulla da Policía Autonómica que centrará o seu traballo na prevención do consumo excesivo de alcol nas zonas cunha maior presencia de persoas.

O alcalde tamén sinalou que durante o transcurso das Festas Patronais o Concello contará coa colaboración do Consorcio de Bombeiros para previr calquera eventualidade relacionada con algún tipo de incendio, especialmente nos días en que se botarán os Fogos artificiais de San Vicente, o día 15, e os Fogos do Río, o día 16.

Tomé valorou positivamente o resultado da reunión e “sobre todo o espírito de colaboración e a implicación de todos os corpos e forzas de seguridade do Estado”. E tamén anunciou que nos vindeiros días, terá lugar a celebración dunha mesa técnica cos distintos representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para perfilar detalles de última hora da colaboración que se estableza respecto do dispositivo a despregar durante as Festas Patronais.