Skip to main content
Pantón

Once persoas de diferentes puntos de España participan dun campo de voluntariado en Pantón

Por 7 Agosto, 2023Sin comentarios

Un campo de voluntariado que se está a desenvolver no Castro da Guítara, en Pantón, ten por obxectivo recuperar o patrimonio e dinamizar a actividade turística e cultural de Pantón.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, visitou os participantes nesta actividade que forman parte da campaña de verán do Executivo autonómico. Tamén participou na visita o alcalde do concello, José Luis Álvarez Blanco.

O campo de voluntariado de Pantón localízase na zona con máis xacementos arqueolóxicos de Galicia e as principais actuacións dos participantes xiran en torno á posta en valor do castro mediante a limpeza da vexetación invasora, estudo e acondicionamento das diferentes rutas de acceso e posterior dixitalización coa plataforma Wikiloc.

Estas accións compleméntanse coa elaboración dun catálogo de recomendacións para un turismo sostible e a elaboración dun vídeo sobre o Castro da Guítara e un podcast sobre o ámbito do voluntariado.

As accións de carácter arqueolóxico altérnanse cunha serie de actividades lúdicas, deportivas e culturais encamiñadas a descubrir a oferta natural da contorna. Estas inclúen a ruta de Auga Caída —os saltos de auga máis altos de Galicia—, a fortaleza do Castro da Marce e ruta en catamarán pola Ribeira Sacra. No campo de voluntariado de Castro da Guítara conviven durante doce días 11 persoas chegadas de diferentes zonas de España —Galicia, Granada, Barcelona, Bilbao, Valencia e Madrid—.