Skip to main content
Pantón

O cartel do festival Trece Roeis foi presentado na Deputación de Lugo, que colabora co evento

Por 14 Agosto, 2023Sin comentarios

O Pazo de San Marcos acolleu a presentación da cuarta edición do Festival 13 Roeis, unha cita musical que se celebrará no concello de Pantón os vindeiros días 18 e 19 de agosto co apoio económico da Deputación de Lugo, que achega 7.260 euros, ademais de difusión.

A voceira socialista do Goberno provincial, Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, e Alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, presidiu o acto, celebrado na Sala de Xuntas, que contou coa presenza da organizadora do evento, Banca Tejero, o secretario da Asociación Trece Roeis, Adrián Enríquez, e o Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez.

A institución provincial impulsa así este festival no marco da súa liña de traballo “para dinamizar a vida social e económica da provincia, poñendo en valor para elo a nosa cultura e todo o noso patrimonio”, subliñou García Porto. Ademais, engadiu, o evento favorece “o turismo de calidade, sostible e de experiencias polo que traballamos dende a Deputación, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que coida a riqueza patrimonial e emprego, sobre todo no rural”.

A Deputada recordou o compromiso da Deputación e asegurou a capacidade desta cita para que “este ano sexa de novo todo un éxito e supere se cabe as cifras de 2022, xa extraordinarias”.

O festival naceu en 2019 como proposta cultural no concello de Pantón tras a cancelación do veterano Festival do Castro, converténdose nun novo acontecemento de referencia na Ribeira Sacra. Nesta edición o cartel está formado por unha vintena de artistas, como Reincidentes, Lamatumbá, Catuxa Salom, Festicultores Troupe ou Monoulious DOP, entre outros, aos que se suman as tradicionais Batallas, catas de viño ou presentacións literarias.