Skip to main content
Quiroga

O grupo de baile tradicional A Volta do Agro actuará nas festas de verán de Quiroga

Por 5 Agosto, 2023Agosto 7th, 2023Sin comentarios

Entre o 10 e o 13 de agosto terá lugar as Festas de Verán de Quiroga, días nos que haberá moitas outras e novidosas actividades como fogos artificiais ou a celebración do Día da Música Tradicional, o sábado 12 de agosto.

O Concello de Quiroga a través da área de Cultura e Festexos, impulsa esta iniciativa co desexo de darlle continuidade en vindeiros anos e co obxectivo de traer a Quiroga propostas musicais e folclóricas que visibilicen e divulguen a riqueza do noso patrimonio cultural.

Deste xeito, o 12 de agosto, a partir das 12.00 horas actuará o grupo de música e baile tradicional “A Volta do Agro”, formación que chega grazas ao programa “Tradigalu” da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo; e pola noite un gran concerto a cargo do Grupo Tradicional “Os Melidaos”. Estes últimos chegan dentro do programa que impulsa tamén a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, “Xunt@s polo Serán 2023”.

O Obradoiro de Cultura Tradicional A Volta do Agro nace no ano 1995 na cidade de Lugo coa idea de traballar no obxectivo último da asociación, a dignificación da cultura tradicional galega. Máis de 25 anos de traxectoria recollendo toda canta mostra de música, cantos, bailes e roupa se conseguise, e transmitindo todos estes coñecementos a través de obradoiros e actuacións.

“A música tradicional é un tesouro que compre conservar” é a máxima coa que Os Melidaos veñen camiñando desde os seus inicios no ano 2001 na música tradicional, outorgándolle a gaita e a voz un papel protagonista. Concertos, alboradas, seráns, catro discos propios publicados e algunha colaboración en traballos alleos, forman xa parte da súa historia.

Ademais, durante as festas actuarán a orquestra Panorama, Lis Pardo e a banda Gin Toni’s son os pratos fortes das festas de verán de Quiroga.