Skip to main content
Cultura SARRIAXASamos

José Fernández, organizador da Feira de Artesanía de Samos: “A xente que vén, volve sempre”

Por 12 Agosto, 2023Agosto 13th, 2023Sin comentarios

Falamos con José Fernández Vázquez, presidente da Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos.

Cantos anos leva en activo a asociación?

A Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos fundouse no ano 1993, coincidindo co ano Xacobeo no que se o Camiño de Santiago foi considerado Patrimonio da Humanidade e no que se empezou a promover o Camiño Francés.

Con que motivación xurdiu a asociación de comerciantes de Samos?

A iniciativa xurdiu porque eu propuxen no pleno do Concello de Samos, xa que eu daquela era concelleiro polo Partido Popular, facer unha asociación para poñer en valor e dar a coñecer os produtos do Concello.

Ademais, era bo ano porque coincidiu co Xacobeo do 1993, polo que no pleno aprobouse por unanimidade poñer o proxecto en marcha, polo que elaboramos os estatutos e logo, que ten unha espiga no medio que significa o principio dunha unidade para seguir ata o infinito.

Como é o traballo dentro da asociación?

Eu, como presidente da asociación, propoñía e propoño iniciativas que adoitan saír adiante, porque á xente gústalle e danme o seu beneplácito. Levo sendo o presidente desde a súa fundación, é dicir, 30 anos.

A xente deposita confianza en min e eu asumo totalmente ese labor e trato de facer o mellor posible a función porque o fago con amor, xa que é altruísta e dá traballo.

Con respecto ao traballo conxunto, unha das cousas moi importantes que facemos desde a asociación é promocionar a economía local, a artesanía, o turismo cultural (que temos moito e está esquecido), promocionar os oficios tradicionais… É dicir, todo o que axude a poñer en valor Samos e as súas paisaxes, o seu patrimonio, o mosteiro, a capela do Ciprés, o río…

Cales son as actividades que se realizan anualmente?

Celebramos unha asemblea anual e aí propóñense iniciativas que logo deben aprobarse por unanimidade e traballar todos, conxuntamente, para poder levalas a cabo. Así, o 99 % das cousas que se propoñen, saen adiante.

Non só facemos a feira, tamén levamos a cabo viaxes culturais, visitas a monumentos e a museos, concursos de tapas, fomentamos a musica tradicional con concertos, poñemos en valor a coral e intentamos recuperar, con moita ilusión, os oficios tradicionais e a cultura tradicional.

Con respecto á Feira de Artesanía, eu, en colaboración con todos, organicei 22 edicións.

Como foi a primeira Feira de Artesanía?

A Feira da Artesanía xorde o mesmo ano que se funda a asociación, xa que é a primeira iniciativa que promovemos e saíu adiante con moita aceptación por parte da veciñanza e dos turistas.

Así, o 7 de agosto de 1993 celebrouse a primeira Feira de Artesanía na leira da farmacia ao pé do río, na que traballamos os integrantes da asociación e os representantes do Xacobeo no concello.

Naquel momento foi Luís Celeiro, xornalista vinculado a Samos, o encargado de levar a cabo o pregón. Ademais, houbo unha misa e unha actuación dunha banda de música. Como novidade, a veciñanza de Samos comeu polbo por primeira vez nunha festa e foi un evento moi concorrido.

Así, ata a cuarta edición incluída celebrouse nese espazo, pero na 5ª cambiamos á Praza da Festa, que se habilitou para este tipo de eventos.

Desde 2018 non celebraban esta Feira que este ano recuperan, por que?

Desde o 2018 non celebrabamos a festa por falta de colaboración por parte do Concello de Samos. Sen os medios económicos e humanos e técnicos que proporciona o Concello, é complicado.

Nunca entendemos por que houbo esa falta de colaboración, se nalgunha edición había ata 60 postos de artesanía e comercio, así como a Feira acollía a centos de visitantes, o que era bo para o propio Concello, pero é así.

Este ano recuperan a Feira da Artesanía o 13 de agosto, teñen ganas?

Temos moita ilusión e esperamos que, como en edicións anteriores, poidamos celebrar as tradicións que temos, xa que son 23 anos celebrando esta actividade.

Contamos con que veñan centos de persoas, como nas anteriores, que non había nin sitio para estacionar os coches entre peregrinos e turistas. Pero sempre depende do tempo. E hai xente que só vén comer e desfrutar do río e dar un paseo.

Como vai ser a edición XXIII desta feira? Que actividades se propoñen?

Este ano celebramos os 30 anos de historia da Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos e imos facer un recordo especial.

Porén, o resto vai ser como todas as edicións: haberá demostración de obradoiros en vivo, grupos de música tradicional, grupos de música folclóricos, o pregón, un tear moi antigo, ferramentas e lareiros de labranza.

Ademais, hai 30 artesáns confirmados que traerán os seus obradoiros en vivo, así como postos artesanais e unha polbeira grande para degustar o polbo galego. Unha feira sen polbo é como unha biblioteca sen libros.

Quen vai ser o pregoeiro?

O pregoeiro deste ano ten moito que ver coa fundación da nosa asociación. No ano 1993 foi o Xacobeo e houbo tres persoas imprescindibles na conformación do Camiño Francés, que foron o presidente da Xunta, o cura de Portomarín e Víctor Vázquez Portomeñe.

Este último foi o elixido polos integrantes da asociación como o pregoeiro da XXIII edición da Feira da Artesanía e a conmemoración dos 30 anos da presenza da nosa asociación en Samos. Queremos darlle unha homenaxe proclamándoo pregoeiro.

Por que é importante este tipo de iniciativas?

É importante porque trae a xente a Samos para que poidan coñecer as infraestruturas e para divulgar o que temos. Tamén é unha forma de que a xente traia ingresos ao concello e todas as cousas que se fan crean un organigrama de xente. É unha forma de convivir os de aquí e os de fóra nunha paz e tranquilidade compartida.

Por outra banda, sería fenomenal que estas iniciativas axudaran a que moitas casas das que están pechadas puideran alugarse para enriquecer ao Concello, porque cantos máis habitantes haxa, máis riqueza crea.

Que tipo de apoios institucionais teñen agora?

As axudas témolas do Concello de Samos e da Deputación de Lugo e para anos sucesivos queremos poder establecer contacto coa Xunta ou con outras entidades. O apoio é imprescindible, porque os recursos económicos e humanos son necesarios.

A colaboración con medios económicos e humanos moitas veces non é só a cantidade, senón a vontade. Pero este ano foi rápido e intentaremos facelo o mellor posible e que todo saia como anos anteriores.

Que cousas se poden facer en Samos ademais de vir para a Feira de Artesanía?

Animamos á xente a vir e que desfrute das paisaxes, do río Oribio, da gastronomía, dos monumentos: o mosteiro e a Capela do Ciprés; e se queren viaxar temos o Val de Lóuzara e o Castro de Formigueiros. A xente que vén, volve sempre.

Todo isto coa hospitalidade das nosas xentes que lle dá un plus a esas iniciativas. A xente é moi agarimosa. Hai moito peregrino que repite por Samos pola calidade das súas xentes.