Skip to main content
O IncioParadela

A parroquia de Cervela do Incio e a de Ferreiros de Paradela celebran as súas festas esta fin de semana

Por 24 Agosto, 2023Outubro 2nd, 2023Sin comentarios

Esta fin de semana celebran dúas parroquias da comarca de Sarria as súas festas na honra a Santa Lucía. Tanto A Cervela, parroquia do Incio, como Ferreiros, de Paradela, inclúen actividades durante varios días para todos os veciños e veciñas e para as persoas interesadas que se acheguen.

Pola parte da parroquia de Cervela, o sábado 26 terá lugar unha pancetada e unha queimada popular que virá acompañada da verbena amenizada por Verónica Cambón; mentres que o domingo 27 terá lugar a misa maior ás 13.30 horas e unha procesión con danzas tradicionais. Xa pola tarde será a quenda do grupo rexional e haberá unha sesión vermú da man da orquestra Alianza, que estará durante a tarde e pola noite.

Xa o luns, 28 de agosto, haberá de novo misa maior e procesión con danzas tradicionais, tamén a actuación dun grupo rexional e unha sesión vermú amenizada coa orquestra Trebol, que estará durante toda a tarde na festa e na verbena ata a noite.

Pola súa banda, na parroquia de Ferreiros de Paradela serán dous días, o domingo e o luns, os que acollerán as festas. Así, o domingo 27 haberá misa solemne ás 13.30 horas e despois os pasacalles a cargo da Banda Municipal de Paradela que virá seguido dunha sesión vermú e gran verbena coa orquestra Trebol. Xa o luns, terá lugar a misa ás 13.30 horas acompañada do coro Sarricanta e a sesión vermú e verbena coa orquestra Compostela. A festa rematará ás 21.30 horas coa actuación da charanga Bicoia.