Skip to main content
Láncara

O Partido Popular de Láncara esixe limpar e conservar as estradas do municipio

Por 7 Agosto, 2023Sin comentarios

Os populares de Láncara esixen ao goberno local “atender as demandas dos veciños e veciñas do municipio” en materia de limpeza e conservación, xa quen cren que hai un “estado de abandono do municipio que proxecta unha imaxe, dende o punto de vista paisaxístico, de concello descoidado”.

Así, advirten da necesidade de “levar a cabo os traballos de desbroce de pistas de forma planificada, porque nalgunhas parroquias non se fixo en anos e que este 2023, cun só tractorista financiado pola Xunta e poucos medios do Concello, probablemente non se supere a limpeza do 50 % do municipio”.

Tamén defenden o acondicionamento das áreas recreativas que están “sen rozar en pleno verán que é cando máis se utilizan” e, incluso, con varandas en mal estado que constitúen un perigo para os usuarios.

Os concelleiros populares tamén advirten da falta de recollida de plásticos agrícolas, da sucidade das rúas, beirarrúas e os contedores que, ademais, “nalgunhas zonas das parroquias do rural acumulan días sen recoller” e lembran que “se deben limpar as cunetas e sumidoiros para evitar desbordamentos de cara ao outono e o inverno”. Igualmente, subliñan que “os puntos limpos son puntos sucios” e que hai pontes moi transitadas tanto por vehículos como por peóns, e mesmo gando, que teñen as varandas rotas e tapadas polas silvas polo que “precisan limpeza e arranxo para non constituír un perigo”.

Outras queixas

Os populares lamentan que “o Concello de Láncara non disporá este verán de brigada municipal para a prevención de incendios”. É máis, explican que “o noso concello podería ter dúas brigadas, pero dende o 2019 só contou con unha e, neste 2023, con ningunha”. Polo tanto, “non só se perde a oportunidade de limpar 6 hectáreas, senón tamén a oportunidade de xerar postos de traballo no municipio con axudas da Xunta”.

Neste mesmo sentido, o Grupo Municipal Popular traslada a súa preocupación pola “falta de interese do goberno local” pola creación de emprego ao non desenvolver ningún obradoiro dende o ano 2019.