Skip to main content
Sarria

O XVIII Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria congregará a artistas de todo o mundo

Por 14 Agosto, 2023Agosto 15th, 2023Sin comentarios

Entre os novidosos 20 talentos que participarán desta edición, esta contará cunha gala especial en lingua de signos para achegar a maxia a todos os públicos.

Os vindeiros 17, 18, 19 e 20 de agosto terá lugar a XVIII edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, organizado cada ano polo mago Roberto Lolo, quen explica que “este ano haberá unha sorpresa no formato, unha idea persoal miña e algo que creo que nunca se fixo no ámbito da maxia en festivais”.

Esta novidade é a Gala de Maxia Accesible en Lingua de Signos, a primeira que se celebra en Galicia e que ten como obxectivo facer participar a todos os públicos dunha edición que o mago Roberto Lolo cualifica de “a máis especial ata o momento”.

A idea xorde na cabeza do organizador e está feita “con todo o cariño e amor do mundo” tras actuar un día para a Asociación Asorlu e a Anpanxoga, durante a cal puido ver canto desfrutaban da maxia persoas non ouvintes: “Saín namorado da enerxía e do que vivín, polo que quixen facer unha gala exclusiva con interpretación de signos”.

Así, Iria Méndez, tradutora de lingua de signos, será a encargada de facer chegar ás persoas non ouvintes os chistes, os trucos e todo o que queiran transmitir os magos durante a gala, “para que isto sirva como precedente para posteriores espectáculos de maxia doutros magos e para todas as seguintes edicións que se organicen do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria”, explica Roberto Lolo.

As diferentes actuacións, que se celebrarán en diferentes quendas durante os catro días establecidos, terán lugar en diferentes localizacións da vila de Sarria, como parque do Chanto, a praza da Vila, a praza Santa Mariña ou a praza do Malecón; ademais doutros espazos pechados, como o Meigallo.

Artistas no Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria

Roberto Lolo, que acumula máis de 20 anos de experiencia no ámbito da maxia, xa ten confirmados os artistas que o acompañarán durante as catro veladas máxicas de mediados de agosto.

O primeiro artista que confirmou Roberto Lolo para o seu festival foi “un dos máis queridos polo público sarriao”, segundo explicou, xa que foi “unha das persoas que axudou a facer crecer o festival”.

Este será Nuel Galán, gañador do Premio Nacional de España de Maxia e que Lolo describe como “unha persoa con gran dinamismo e personalidade, e que sabe gañarse o cariño do público”. Ademais, o mago Lolo explica que hai varios anos que non vén a Sarria, “pero ao ser este o seu 18 aniversario, a súa maioría de idade, tiña que estar”.

Pola súa parte, o segundo artista presentado e que actuará no festival será Raúl Camagüey, un artista internacional que se formou no Circo Nacional de Cuba e que xa actuou no festival hai anos.

Roberto Lolo explica que, aínda que agora mesmo estea afincado en Miami, vai facer “un enorme esforzo” por non perderse o 18 aniversario, xa que “é un home queridísimo polo público sarriao”.

A terceira artista será “a nena prodixio da maxia”, Mágica Estela, unha nena que, tal e como explica o organizador da gala, “arrasou en Got Talent”, polo que foi unha das seleccionadas para participar desta XVIII edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria.

Estela preséntase por primeira vez en Sarria e está “moi emocionada”, mentres que Roberto Lolo está “moi feliz polas súas ganas e o seu magnífico carácter, así como agradecido ao seu pai polo trato comigo”.

Samuel Pons tamén estará nesta XVIII edición do festival, xa que “non podía faltar, porque debutou precisamente en Sarria hai dez anos”, explica Roberto Lolo. Así, defíneo como un rapaz “queridísimo polo público e admirado a partes iguais; pétao como Youtuber, como TikToker, pero sobre todo como gran mago e mellor persoa”, defende o organizador.

Máis profesionais da maxia

Ademais destes catro artistas, Roberto Lolo tamén actuará na gala, quen di que se deixará a alma, o corazón e a vida “pola miña xente de Sarria”.

Xunto a el, participarán tamén o Mago Iago, Magic Mateo, Román García, Samuel Moreno, Yao Xinge, Mago Joel de Cuba e Dania Díaz; cada un coas súas características individuais e o seu show definido coa súa propia personalidade.

Por unha parte, Iago “é un veterano”, xa que comezou a súa andaina como mago nun Festival de Maxia de Sarria, polo que “non podía faltar nesta edición e agradezo moito que lle apeteza vir a xogar á súa casa”, argumentou Lolo.

Con respecto a Magic Mateo, tamén debutou en Sarria y continúa firme “a súa proxección, a súa mellora, a súa dedicación…”, explica Lolo. Con só 14 anos, cre que “nos deixará coa boca aberta”.

Samuel Moreno volverá despois dun ano de descanso e actuará nesta edición, demostrando o seu traballo da man do organizador Roberto Lolo, quen di darlle “moita caña”, pero confía en que “o fará xenial”.

Román García, pola súa parte, será un dos máis tradicionais magos deste Festival, xa que leva 18 anos vindo a Sarria. Así, Roberto Lolo considérao o seu mestre, amigo, referente e “persoa de total confianza”. Ademais, defende que, “sen el, este festival non existiría”.

O chinés Yao Xinge tamén estará nesta edición do Festival de Maxia, quen deu a coñecer os seus dotes de mentalista en Got Talent, no que conseguiu dous botóns de ouro. Xa estivo o ano pasado en Sarria e este ano será a súa segunda edición.

Tamén se contará coa participación do Mago Joel de Cuba, quen triunfou en Got Talent cun dobre botón de ouro e gañador de Got Talent Magic, polo que é “unha honra que veña ao Festival Internacional de Maxia de Sarria, xa que falei con el daquela e foi un pacto de palabra e veu”, explica Roberto Lolo.

Por último, o Festival Internacional de Maxia contará coa presenza dunha das mellores magas do mundo, Dania Díaz, que xa estivo en Sarria e tamén gañou un botón de ouro en Got Talent. “Estoulle moi agradecido por vir desde Venezuela para deleitarnos coa súa maxia”, agradeceu Lolo.

Como sorpresa final, este edición contará tamén coa presenza de Eduardo El Mago, que xa estivo na edición do ano pasado e é un profesional moi querido polos sarriaos.

Novos talentos

O organizador do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria, Roberto Lolo, caracterízase pola aposta clara por novos artistas e profesionais da maxia, polo que nesta edición tamén quere “darlle a oportunidades a novos artistas, sobre todo aos da terra”, que estean dando os seus primeiros pasos na maxia.

Por iso, traerá outros tres artistas invitados: MagAldara, Nacho Nogueira “I gran Na” e Izan “Golden Magic”, que debutarán en Sarria este ano durante o transcurso do Festival Internacional de Sarria.

Así, Lolo di que serán recibidos “cun cariño brutal por toda a xente de Sarria” e que estarán “arroupados polo público ao igual que moitos outros artistas que comezaron aquí e que agora son magos contrastados”.

Por outra parte, tamén estará no festival Tamén José Rivera, ‘O hipnotista’, que levará a cabo unha única función de hipnose en exclusiva o 18 de agosto.

Ilusionistas

Para terminar, o XVIII Festival Internacional, ademais de con magos, contará con ilusionistas. Así, Jugith Trilirí e Felipe Costa levarán a mente do público ata lugares aos que non sabían que podían chegar.

Pola súa parte, Judith Trilirí actuou por primeira vez como maga nun Festival de Sarria e leva máis de dez anos preparándose, experimentando e conectando co público contando historias e sorprendendo. Así, Roberto Lolo explica que “é unha persoa 10 e que, cando a chamou, dixo que si sen pensalo”.

Felipe Costa, máis coñecido como ‘Pollo’, tamén acudirá a esta cita internacional, desprazándose desde Colombia exclusivamente para “facer felices aos peques”, como defende Lolo, xa que este é un mago infantil, que conta incluso con monociclo.

Agradecementos

Con todos estes artistas e profesionais do mundo do espectáculo, Sarria poderá desfrutar a mediados de agosto do seu Festival Internacional de Maxia, organizado por Roberto Lolo, quen di que para el “isto é un agasallo que lle fago á cidadanía de Sarria para agradecerlle todo o cariño que me deu desde que empecei a organizalo hai 18 anos”.

Di que todo o seu esforzo está dedicado “para a xente de Sarria e a que vén desde fóra para pasar catro días na miña vila, xa que iso mellora o turismo e a vida social”. Ademais, sostén que “é un festival do público e da xente”.

Así, di que “son moi importantes as actuacións infantís, xa que chegar aos máis pequenos é unha forma moi bonita de que descubran a maxia, porque a viven dunha maneira sa e son moi felices”, rematou.