Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAGuitiriz

Remata coa ruta BTTeiros Cova da Serpe de Guitiriz a Copa Galicia

Por 29 Agosto, 2023Sin comentarios

A Copa Galicia de Cross Country Maratón (XCM) chegou ao seu final esta fin de semana na proba BTT organizada polo colectivo Cova da Serpe deixando dous campións principais. A mosense Susana Alonso (Extol MTB) e o tudense Diego Álvarez (V Bike) impuxéronse nos tres desafíos puntuables, o último deles o de Guitiriz. A Ruta BTTeiros Cova da Serpe serviu de colofón para un certame no que once bikers recibiron as camisolas de líderes finais dos rankings.

A cifra de participantes na súa sétima edición é un bo indicador do prestixio adquirido polo evento que organiza o Club BTTeiros Cova da Serpe e o Concello de Guitiriz. Entre a carreira da Copa Galicia e a marcha cicloturista reuníronse 270 amantes da bicicleta de montaña. No que respecta á proba competitiva, o percorrido para os homes alcanzaba os 84 quilómetros -con 1.950 metros de desnivel positivo acumulado- e os 73 km para as mulleres -cun acumulado de 1.600 metros-.

Vestido de líder tras as súas vitorias en Viveiro e en Carral, Diego Álvarez sacouse a espiña que lle quedara cravada o ano pasado en Guitiriz. Se no 2022 sufriu unha avaría que lle obrigou a abandonar, nesta ocasión dominou o maratón con claridade xunto ao seu compañeiro de equipo e vencedor na anterior edición da cita lucense, o vigués Brandán Márquez. Os dous representantes do V Bike empregaron 3 horas 45 minutos e 6 segundos en cubrir o itinerario, entrando por diante na meta o portador da camisola da Copa Galicia.

A 6’32” do dúo elite do V Bike finalizou o máster-30 Manuel Casuso (Xesteiras), cuarto rematou o elite Alberto Alanís (V Bike) e quinto o tamén elite Rubén Quintáns (Fundefrenos). A sexta praza correspondeu ao máster-40 Diego Rey (Tambre Bike) e no resto de categorías masculinas anotáronse os triunfos Adrián Caamaño (Caimanes Betanzos) nos juniors, Ignacio Casal (Extol) nos sub23, Marco Antonio Prieto (Nesta) nos máster-50 e Pedro Delgado (Ultreia) nos máster-60 con Manuel Carballo (Terras do Eume) como segundo clasificado.

Mesma gañadora

O V Bike repetiu éxito en Guitiriz por segundo ano consecutivo na competición dos homes e o Extol fixo o mesmo na das mulleres. Susana Alonso volveu vencer e Eva Ortega quedou segunda, coa diferenza de que no 2022 as dúas bikers do conxunto do Deza chegaron xuntas aos metros finais e desta vez a corredora de Mos ergueu os brazos cun cuarto de hora de vantaxe sobre a andaluza afincada en Galicia. Deste xeito, a líder elite selou un pleno de triunfos na Copa Galicia XCM 2023.

O podio elite e absoluto completouno Raquel Román (Bici Verde). A máster-30 Sofía da Silva obtivo o cuarto posto, a máster-50 Mónica Campagna (Ancares) rematou quinta e a máster-40 María Beatriz Iglesias (Xtrembike), sexta.

Once líderes finais

Os puntos que se repartiron en Guitiriz provocaron dous cambios no máis alto dos rankings da Copa Galicia. Ignacio Casal adiantou na táboa sub23 a Iván Belmonte (High Level), que non participou ao coincidir esta proba coa Domaio Heroica – Desafío Delio Fernández de Estrada, e nos máster-50 Juan Manuel Expósito (MTC) saltou dende a terceira á primeira praza aproveitando as ausencias de Francisco Xavier López Cedrón (MTC) e de José Manuel Gómez Bestilleiro (Xesteiras). Nas outras nove categorías mantiveron os maillots Adrián Camaño nos juniors, Susana Alonso nas elites, Diego Álvarez nos elites, Sofía da Silva nas máster-30, Manuel Casuso nos máster-30, María Beatriz Iglesias nas máster-40, Diego Rey nos máster-40, Mónica Campagna nas máster-50 e Pedro Delgado nos máster-60.

Os premios na clausura do certame autonómica para fondista do BTT encargáronse de entregalos Marisol Morandeira, alcaldesa de Guitiriz; Iván Morado, concelleiro de Deportes; Marcos Rego, presidente do Club Btteiros Cova da Serpe; Rubén Paredes, tesoureiro do club organizador; e David Carrillo, secretario da Federación Ciclismo Galego.