Skip to main content
As Pontes

A planta de hidróxeno verde das Pontes xa é iniciativa empresarial prioritaria

Por 5 Agosto, 2023Sin comentarios

O Consello da Xunta aprobou a declaración como iniciativa empresarial prioritaria dun centro verde de hidróxeno e amoníaco nas Pontes. Cun investimento de 315 M€, este proxecto está impulsado pola empresa EsuH2 Mjolnir, participada ao 100 % por Universal H2 do grupo empresarial Universal Kraft.

Cun investimento a tres anos, a primeira fase para a construción da planta de amoníaco e hidróxeno verde prevé unha capacidade máxima de 120 MW e unha produción de amoníaco de 98.550 toneladas ao ano que se transportará a unha instalación de almacenamento no porto exterior de Ferrol para a súa exportación. O amoníaco ten aplicacións no capo dos fertilizantes, pero tamén como portador de enerxía de hidróxeno.

Os promotores prevén a creación tanto desta planta como dun proxecto integrado de enerxía solar. O despregamento desta iniciativa permitirá, por unha banda, descarbonizar as cadeas de valor e a industria estratéxica local; e, doutra banda, avanzar nos retos globais vinculados ao cambio climático, así como situar á rexión como líder na transición ambiental

O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración: supera tanto o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (en concreto, serán 315 M€) como o emprego -o mínimo é de 25 postos de traballo directos baixo a modalidade de contrato indefinido a xornada completa, e prevese a creación de 60-; ademais complementa cadeas de valor ou pertence a sectores estratéxicos como é, neste caso, o das enerxías renovables.

O Grupo Universal Kraft, de orixe sueco, leva 20 anos desenvolvendo proxectos solares e outras solucións de enerxías renovables. En 2021 constitúe Universal H2 como entidade especializada que cobre toda a cadea de valor: desde a produción de enerxías renovables ata tecnoloxías para a produción de hidróxeno e amoníaco verdes co compromiso de desenvolver sistemas de enerxías sustentables e viables para a produción, distribución e
almacenamento de enerxía verde. Actualmente conta con proxectos en Canadá, Suecia,
Portugal e Brasil.

A nova declaración aprobada no Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Deste xeito xa son 20 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Kern Pharma (Monforte de Lemos), Queserías Entrepinares (Vilalba) Granja Campomayor (Palas de Rei) e agora a planta de Universal H2.

Esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial. A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.