Skip to main content
As Pontes

O Goberno autoriza o peche da central das Pontes

Por 21 Agosto, 2023Agosto 22nd, 2023Sin comentarios

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) autorizou a solicitude de peche da central termoeléctrica das Pontes, da Coruña, presentada pola empresa propietaria, Endesa, e tras o informe favorable de Rede Eléctrica de España (REE) sobre a compatibilidade do peche coa seguridade de subministración do sistema eléctrico.

Segundo informou nun comunicado o departamento dirixido ata o de agora por Teresa Ribeira, nun informe previo, REE xa contemplaba o peche de dous grupos da central, mentres que os outros dous poderían pecharse de forma condicionada á dispoñibilidade de potencia “dentro dun contexto de gran tensión nos mercados enerxéticos provocada pola invasión de Ucraína”.

Agora, “tras a estabilización destes mercados”, REE emitiu un novo informe que constata a compatibilidade do peche coa seguridade de subministración eléctrica, polo que, segundo indicou o Ministerio, os plans para a reconversión industrial da zona prevén un investimento superior a 2.500 millóns de euros e xerarían máis de 1.300 empregos directos, apoiando unha transición xusta.

Desta maneira, o Goberno busca “impulsar unha transición xusta para a zona”, polo que grazas aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), están a lanzarse programas de apoio para proxectos enerxéticos innovadores. Neste sentido, nos concursos de acceso o ministerio prioriza aquelas propostas situadas en zonas con centrais en proceso de peche, como a das Pontes, onde xa se concedeu unha axuda de 15 millóns á primeira fase do proxecto H2Pole de EDP e Reganosa.

Nesta fase prevese a construción dunha planta de produción de hidróxeno renovable, cun investimento de 156 millóns e a creación dun centenar de empregos, entre directos e indirectos, na fase de explotación.

Así mesmo, o Ministerio apoia proxectos municipais, como o desenvolvemento dun centro loxístico no polígono industrial de Penapurreira, nas Pontes, “que dea servizo ás empresas con problemas de almacenaxe e ao transporte por estrada afectado polo peche da central, adxudicado a través dunha convocatoria en 2021”.

Ademais, a través da convocatoria de axudas a infraestruturas ambientais, sociais e dixitais, concedéronse 6,8 millóns a outros 11 proxectos.

Na mesma liña, co obxectivo de “impulsar a xeración de emprego na zona”, Miteco lanzou convocatorias de axudas a proxectos de investimento empresarial dotadas con 50 millóns de euros, actualmente en fase de valoración de solicitudes.

A estas axudas de xestión do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico únense os 111 millóns de euros achegados polo Fondo de Transición Xusta da Unión Europea á Xunta de Galicia para mitigar os impactos dos peches das Pontes e Meirama.