Skip to main content
As Pontes

O BNG das Pontes pide un pleno para falar do peche da central

Por 26 Agosto, 2023Sin comentarios

“Dende que o BOE do pasado sábado publicou a autorización do  Miteco para que Endesa peche a Central, non se ten celebrado reunión algunha no Concello sobre do tema; só as declaracións publicadas do alcalde nas que demanda positividade con argumentos como que en España hai outros 14 sitios nos que ocorreu unha situación similar … esta só é unha etapa máis”.

Lonxe de compartir dito posicionamento, que para a voceira nacionalista Carmela Franco “evidencia o seguidismo e a obediencia do PSOE ás decisións do Miteco, e deriva na pasividade e na inacción do goberno municipal”, o BNG vén de rexistrar unha solicitude para que o alcalde convoque un Pleno no que debater e acordar sobre do peche da Central e a convocatoria do Concurso de Transición Xusta da capacidade do seu nó de acceso.

Lembra Carmela Franco que “xa no mes de xaneiro presentamos unha moción na que se demandaba o mantemento dos 1.400 MW de evacuación da Central para a realización do Concurso de Transición Xusta, ademais do inicio, de xeito inmediato e urxente, da poxa dos 700 MW que ocupaban os Grupos 3 e 4, inactivos dende hai tempo”; a proposta foi aprobada por unanimidade cos votos a favor do BNG, PSOE e PP, o mesmo que acontecera no Parlamento galego un mes antes, tamén a iniciativa do BNG.

Dous meses despois, nun acto de presentación nas Pontes do “inexistente Convenio de Transición Xusta, a directora do Instituto de Transición Xusta non foi quen de xustificar a desaparición dos 1.400 MW. O máis preocupante e alarmante foi que contou co silencio cómplice e entregado do alcalde, que estaba na mesma mesa”, sinala a voceira nacionalista.
“Os Concursos de Transición Xusta son unha garantía de reindustrialización, con obrigas e fianzas para as empresas gañadoras, non quedan en simples anuncios empresarias que dependen da decisión última das empresas promotoras, e As Pontes precisa garantías e non só promesas”, engade.

Andorra (Teruel) xa ten resolto o seu concurso do nó Mudéjar, con proxectos garantidos, en execución, e concreción de prazos; o Miteco ten iniciado dende xuño o de Puente Nuevo (Córdoba), nun nó distinto ao que estaba conectada a central. “Para As Pontes -afirma Carmela Franco- o Miteco nega a súa realización ao facer desaparecer os 1.400 MW dos que dispoñía a térmica de Endesa, pero permite que á propia empresa e a outras que non son se coñecen de xeito público, a conexión no mesmo nó para os seus parques eólicos, mais sen pasar polo concurso, deixándonos sen proxectos industriais asociados e garantidos.”

Para Carmela Franco “todas os esforzos e as actuacións desenvoltas dende o 2019 polo pobo das Pontes (concentracións, manifestacións, peches, caravanas, …), na propia Vila, na Coruña, en Santiago, en Madrid, …, non son merecedoras da situación actual; a resposta do Miteco e de Endesa non pode nin debe ser un peche e un desmantelamento, sen continuidade nin garantías. E o BNG vai a continuar o traballo para que non sexa así”.

“Fica claro que a decisión, neste momento, do Miteco para aprobar o peche da térmica só responde ao tempo político, deixouse pasar intencionadamente as eleccións municipais e as xerais, mais o peor é que as Administracións públicas (incluída o Concello) non fixeron nada neste tempo, agora temos o peche oficial, moitas promesas e os traballadores/as das auxiliares e da principal sen coñecer o seu futuro”, conclúe.