Skip to main content
Lourenzá

O CEIP Juan Rey de Lourenzá fíxose cun dos galardóns ‘Contádenos o voso Día das Letras Galegas’

Por 28 Setembro, 2023Sin comentarios

O colexio Juan Rey de Lourenzá foi un dos gañadores da sétima edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, convocado pola Real Academia Galega ao abeiro do proxecto web para o público infantil Primavera das Letras.

O centro de ensino presentou unha variada proposta de actividades para achegar aos nenos e nenas á figura, á obra e ao legado do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, o editor, escritor, activista cultural e académico Francisco Fernández del Riego.

A Real Academia Galega entregará os galardóns o vindeiro 17 de outubro nun acto na Coruña, no que participarán alumnado e profesorado de todos os colexios premiados.

O CEIP Juan Rey de Lourenzá, a terra natal de Fernández del Riego, celebrou as Letras Galegas do seu veciño ilustre dende o comezo do curso cunha morea de iniciativas resumidas no número especial da súa revista, O Tremoal. O equipo da biblioteca desenvolveu no primeiro trimestre o proxecto Desde a fiestra de don Paco, con máis de oitenta actividades de todo tipo nas que participaron os nenos e nenas de todos os niveis. Co Dicionario trangalleiro inventaron palabras seguindo as normas da lingua, elaboraron unha audioguía sobre a vida do homenaxeado, afondaron no mundo dos xogos tradicionais da súa infancia a través das achegas dos estudosos locais Xosé López e Xosé Manuel García e practicaron o xénero epistolar que don Paco tanto cultivou escribíndolles cartas aos Reis Magos desde a perspectiva dos pícaros e pícaras do seu tempo.

O alumnado de Lourenzá tamén analizou e ilustrou o discurso que o autor pronunciou na vila en 1998 con motivo da Festa da Faba, afondou na súa infancia en Lourenzá a través da celebración do Samaín en Paco e as pantasmas, deseñou unha exposición de carteis sobre o autor -premiada pola Consellería de Educación- e realizou unha pequena adaptación teatral sobre a súa vida que se puxo en escena co gallo da presentación da Primavera das Letras 2023 neste mesmo colexio.