Skip to main content
A Pontenova

O PSOE reclamou á Xunta que realice un plan específico para cubrir baixas e xubilacións médicas na comarca mariñá

Por 28 Setembro, 2023Sin comentarios

A deputada socialista Patricia Otero denunciou no Parlamento a carencia de médicos de Atención Primaria na Mariña e reclamou á Xunta que realice un plan específico para cubrir baixas e xubilacións na comarca.

A deputada de Burela preguntou ao goberno galego na Comisión de Sanidade da Cámara galega sobre a situación dos centros de saúde na comarca da Mariña. Ante a constante falta de profesionais e o incumprimento do estipulado pola Xunta, pediu que se cubran as previsións de persoal que non se remitan unicamente ao que está “no papel”.

En particular destacou as demandas da veciñanza do concello da Pontenova, que ten un terzo da poboación maior de 65 anos, e que xa no 2018 pasou de 3 a 2 médicos e de 2 a 1 técnico PSX, chegando por baixas médicas e vacacións que durante algúns días non había nin un só médico no centro de saúde local. Por elo, denuncia que os veciños chegaron a agardar por receitas ata quince días. Así mesmo, alerta de que neste centro de saúde o persoal médico está próximo á xubilación.

Alerta tamén da que os veciños temen a posibilidade de que a Xunta peche o centro de saúde de Cervo. Así mesmo, criticou que no centro de saúde de Viveiro “vívense situacións límite”, xa que “estamos a falar de máis de 15.000 habitantes e que durante a pandemia do Covid había días con un ou dous médicos, incluso durante o verán no que se duplica a poboación no municipio”.

Tamén lembrou que Ourol estivo “días enteiros sen ningún médico” ou o caso de Valadouro que “dende que se xubilou un médico levan cubrindo o seu posto con distintos facultativos” con só catro horas de atención, “algún día e ser avisar”. Patricia Otero sinalou que estas deficiencias son extensibles a todos os centros de saúde da comarca,tamén citou os casos da falta de médicos noutros municipios como Burela, Foz, Ribadeo ou Alfoz.

“Pedimos empatía ao goberno galego de cara á situación da Atención primaria, adiántese aos acontecementos porque na comarca hai un número importante de médicos achegándose á idade de xubilación”, alegou a deputada. Tamén advertiulles de que “deixen de botar balóns fóra, as competencias de sanidade están transferidas ás comunidades autónomas”.

Por elo, esixiu que se realice un Plan Específico de Atención Primaria na Mariña “dotado con medios suficientes para garantir unha sanidade pública, gratuíta, universal, equitativa e de proximidade”, con especial atención á cobertura das baixas nas xubilacións nos próximos anos.