Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

“Necesitamos un acordo das administracións para coidar o río”

Por 3 Setembro, 2023Setembro 4th, 2023Sin comentarios

José Luis Rois Losada é vogal do Club Fluvial e o encargado de piragüismo

O último fin de semana de xullo representantes do Club Fluvial de Lugo acudiron a Trasona, en Avilés, a participar na 51 edición do Campionato de España de Jóvenes Promesas onde compiten nas categorías cadete e infantil e que é unha das regatas máis importantes do ano. Nesta ocasión, o Club Fluvial acadou o mellor resultado da súa historia e nunca antes un club da provincia conseguira nove medallas nesta competición.

Grazas aos resultados desta proba conseguiron un histórico terceiro posto na Liga Nacional de Jóvenes Promesas.

Como nace o proxecto de piragüismo dentro do Club Fluvial?

A sección de piragüismo nace ao mesmo tempo que o club, os primeiros fundadores do Club Fluvial como sociedade eran moi afeccionados ao piragüismo e á natación e decidiron no ano 1935 comprar a finca onde estamos actualmente e o muíño que había orixinariamente aí. Pero o club de piragüismo fórmase de xeito oficial na Federación Español no ano 1938 ou 1939 que é o momento no que comezamos a participar en competicións oficiais. Un dos promotores, dos que primeiro deron comezo a esta actividade, foi Serafín Caridad que foi o primeiro adestrador de moitos dos que despois continuaron levando o club como Cuesta, Chilares, Misioné ou Mus. 

Como foros os primeiros anos e como é o proceso de crecemento?

O Club Fluvial é o club máis antigo de Galicia e o segundo máis antigo de España e xa nos primeiros anos desprazábase a todos os campionatos de España e a todas as regatas importantes que había naquel momento. Nos anos cincuenta chegouse a ser un dos clubs máis importantes de España e desde entón mantense vivo grazas á promoción dentro dos seus socios e fillos de socios e tamén con todos os rapaces de Lugo interesados, porque non é necesario ser socio para participar do equipo de piragüismo.

Cantas persoas forman parte actualmente do equipo?

Agora mesmo temos arredor dunhas trescentas licencias pero o equipo de competición conta dende benxamíns ata veteranos cunhas cento trinta persoas. As outras licencias son persoas que practican este deporte pero non acoden ás competicións.

Como é a competición?

A competición de piragüismo comeza a finais de febreiro co campionato galego de inverno e dura ata finais de outubro. Nese tempo vanse levando a cabo os diferentes campionatos nas distintas categorías. Actualmente a competición máis importante que hai en España é a Liga Nacional organizada pola Federación e que está composta por catro probas que son, o Campionato de España de Inverno, o Campionato de España de Sprint e dúas Copas de España. Con estes resultados conformase unha clasificación xeral por categorías e na categoría sénior masculina rematamos na terceira posición, a mellor clasificación na historia do club.

Despois están os campionatos galegos, tanto de verán como de inverno, e tamén asistimos a regatas internacionais. Unido a isto están os Campionatos de España de Jóvenes Promesas que se corresponden coas categorías cadete e infantil e a maiores outras competicións para máis pequenos como alevín, benxamín e prebenxamín.  O piragüismo dende xuño ata outubro é unha competición constante todas as fins de semana en diferentes categorías.

Os  meses que non compiten tamén realizan adestramentos?

Non realizamos paróns, hai que preparar no inverno para despois obter os resultados no verán, entón temos que adestrar todo o ano. No inverno realizamos máis adestramento de ximnasio pero sempre se está en contacto coa auga.

Cales son obxectivos do club?

O club ten dúas liñas de traballo. Por un lado a elite onde temos como obxectivo manternos nos primeiros postos da liga nacional. O club está estruturado por un lado con esta xente que adestra dunha forma máis dura e vai a competicións importantes e con outra liña de promoción. Nos temos actualmente participando na liga provincial de piragüismo,  que son seis competicións que teñen lugar ao longo do ano na provincia para categorías dende xuvenil para abaixo, a uns oitenta pedaxeiros co obxectivo principal de promoción. Nós todos os anos temos que sacar dos cursos de promoción entre vinte e trinta rapaces para que se integren no equipo principal ao ano seguinte.Entón as liñas de traballo son esas, por arriba hai que preparar un equipo competitivo para obter bos resultados nas competicións e por abaixo a promoción.

Que aporta o piragüismo que non aportan outros deportes?

Principalmente o contacto coa natureza, somos uns privilexiados ao estar practicando este deporte na marabilla de contornas fluviais que temos tanto en Galicia, como no norte de España. Engadido a isto o piragüismo aporta todo o que aporta calquera outro deporte, os valores intrínsecos que están na práctica deportiva que te obrigan a levar un ritmo de vida san e unha rutina. Ademais a fortaleza mental e física que che da este deporte despois de pasar un inverno en Lugo. Todo o conxunto aporta aos rapaces unha serie de valores que os fai persoas fortes, resistentes, con capacidade de traballo e respectuosas coa natureza.

Teñen algunha necesidade como club actualmente?

Supoño que como todos un pouco máis de cartos pero a nosa principal necesidade é que as autoridades se poñan de acordo para coidar o entorno do río Miño, que reparen os caneiros e que tomen medidas porque é unha pena ver o estado dalgunhas zonas do río debido a que están sen reparar. E non so para facer un uso deportivo do río Miño senón para que todo o mundo poda desfrutar deste entorno natural. Ese é o principal problema que temos, que nos imos quedar sen un sitio onde poder remar en Lugo.

Algún momento ou logro que recorde especialmente ou con agarimo?

Pois temos tres medallas olímpicas, medallas en campionatos do mundo, innumerable campionatos de España de moitos pedaxeiros do club pero quizais o recordo máis especial que teño é cando un dos rapaces do club entra no centro de tecnificación e forma parte do equipo nacional.

Como ve o futuro?

O futuro eu vexo con optimismo xa que a categoría cadete e infantil vén xente punteira a nivel nacional e iso vainos garantir o futuro da reposición do equipo sénior.