Skip to main content
Baleira

O PSOE de Baleira urxe ao Goberno local a actuar nun solar abandonado polo seu estado “insalubre”

Por 7 Setembro, 2023Sin comentarios

O voceiro do PSOE en Baleira, José Tellado Fernández, urxe ao Concello a tomar medidas e a efectuar de inmediato labores de limpeza na contorna dunha vivenda abandonada de propiedade privada situada no núcleo rural de Mendreiras, na parroquia de Santiago de Martín. “A situación empeza a ser insostible polo estado de insalubridade que presenta o inmoble, engulido pola maleza acumulada e o arborado descontrolado que a rodea”, explica Tellado.

O socialista fai súas as reclamación dos veciños a través dun escrito presentado o pasado 22 de agosto no rexistro municipal do Concello baleirense, e do que a día de hoxe asegura “non recibimos ningunha resposta”. “O Concello non pode desoír aos veciños e mirar para outro lado, están preocupados ante a posibilidade de que calquera día se produza un incendio na zona e que haxa que lamentar unha desgraza. A situación é un perigo porque a propiedade está próxima a hórreos e vivendas habitadas”, engadiu.

Ademais, no escrito presentado, o voceiro da agrupación socialista de Baleira pide ao Concello “que ordene a retirada dun vehículo abandonado na mesma finca polos importantes problemas de contaminación que pode ocasionar neste núcleo rural”.

“Agardamos que o Alcalde reaccione, atenda as demandas que esiximos e dea unha breve solución a unha situación que consideramos de urxencia. Do contrario estará demostrando o pouco interese deste Goberno polos problemas importantes que afectan aos veciños”.