Skip to main content
Lugo

Comezan as escavacións arqueolóxicas na Roda de Adai

Por 1 Setembro, 2023Setembro 8th, 2023Sin comentarios

Un equipo da USC coordinado pola investigadora de EcoPast e CISPAC, Pilar Prieto, inicia as prospeccións do xacemento lucense para identificar as súas fases de construción, uso e abandono.

A USC principia na parroquia de Adai, moi próxima á cidade de Lugo, os traballos de escavación do Castrillón, un xacemento descuberto no século pasado e de gran valor patrimonial, que agora pode ser explorado grazas á autorización da veciñanza a través da Comunidade de Montes.

A investigadora Pilar Prieto, membro do Grupo EcoPast e do Centro Interdisciplinar das Paisaxes Atlánticas (CISPAC), dirixe esta intervención arqueolóxica que conta coa colaboración da empresa Tempos Arqueólogos e con financiamento dos grupos de investigación EcoPast e Síncrisis da USC, e que pon o foco na exploración do círculo lítico ou ‘roda’ existente no lugar. O obxectivo deste primeiro ano de traballos é identificar as fases de construción, uso e abandono deste recinto duns 53 metros de diámetro que conserva en superficie un parapeto e un foxo e alcanza unha superficie de 2100 m2. As primeiras xornadas da intervención permitiron descubrir o muro do parapeto feito en grandes pezas de granito, algúns fragmentos de cerámica prehistórica e un par de moas fixas ou pedras dormentes de muíño.

É o oitavo xacemento desta modalidade que se escava en Galicia, e que amosa unha nova tipoloxía cuxa interpretación non está completamente definida e permanece aberta á investigación. O equipo arqueolóxico apunta que poderían ser recintos cerimoniais, mesmo para enterramentos, seguindo costumes ancestrais procedentes de Centro Europa, o que permitiría completar baleiros existentes neste ámbito de investigación.

“Pensamos que será un xacemento de longa duración, seguindo a liña dos xa datados como a Roda de Barreiros, Ventosiños de Coeses, tamén no concello de Lugo, ou Os Castrullos, en Parada de Sil”, indica a investigadora Pilar Prieto. “Coñecer mellor estes xacementos implica profundar no mundo funerario das comunidades que viviron en Galicia nun período pouco coñecido polo momento, que vai desde o 1600 ata o século II a. C., entre a Idade do Bronce e a do Ferro”, apunta a profesora da USC.

O marcado valor patrimonial do lugar constátase tamén nos petróglifos que contén e, especialmente, na existencia dunha cabana alongada prehistórica escavada en granito, única en Europa que, segundo o equipo investigador, podería ter relación coa roda que agora están a explorar. Destacan que o Castrillón de Adai é un fenómeno local que evidencia contactos culturais a longa distancia pero mantén a súa singularidade pois, a pesar de semellanzas formolóxicas con outros círculos líticos ou Henges das illas británicas, as rodas presentan características autóctonas que as fan únicas.