Skip to main content
Lugo

O domingo chega a Lugo o Festival Mundial de Ilusionismo

Por 5 Setembro, 2023Sin comentarios

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, presentou xunto aos magos galegos Dani Polo e Pedro Bugarín o Festival Mundial de Ilusionismo Galicia Ilusiona, que achegará varios espectáculos a Lugo co patrocinio da Administración autonómica.

O festival percorrerá as catro provincias galegas durante os meses de setembro e outubro coa participación dalgunhas das figuras máis recoñecidas do ilusionismo a nivel mundial.

Esta edición inclúe como novidade actuacións itinerantes a bordo dunha caravana convertida nun sorprendente teatro máxico. En Lugo recalará o vindeiro venres, 8 de setembro, na praza Maior, coa presenza do mago lucense Rafa e a maga arxentina Lore Lavand. Ao longo da xornada haberá dez funcións de vinte minutos con vinte prazas cada unha.

Así mesmo, o auditorio Gustavo Freire acollerá o 6 de outubro a Gran Gala Internacional de Maxia, con ilusionistas chegados desde diferentes países que presentarán números premiados a nivel internacional. A gala contará con Miguel Muñoz e Amadeo Edama (España), Paul Ponce (Arxentina), Dania Díaz (Venezuela) e o Dúo Kybalion (Arxentina e Rusia).

A iniciativa ten unha parte solidaria con espectáculos previstos nas plantas de Pediatría de diferentes hospitais galegos, entre eles o Hula, ao que se desprazarán os artistas para achegar a ilusión aos pequenos ingresados.

Arias subliñou o traballo realizado polos organizadores para “poñer a Lugo e Galicia no foco do ilusionismo mundial durante dous meses” e lembrou o éxito acadado na anterior edición, na que máis de 50.000 espectadores desfrutaron da programación despregada en toda a Comunidade.