Skip to main content
Lugo

O Caudal Fest contará este ano cun maior dispositivo de seguridade

Por 7 Setembro, 2023Sin comentarios

A Policía local destina catro indicativos en exclusiva ao evento que estarán operativos en horario ininterrompido desde ás 14 horas ata ás 3 da madrugada e que se coordinaran cos dispositivos especiais de Tráfico e da Policía Nacional.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este xoves a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración do Caudal Fest, que terá lugar o 15 e 16 de setembro na contorna fluvial do río Miño. Na xuntanza acordouse incrementar os recursos dedicados a seguridade do festival debido a alta afluencia prevista. De este modo, ao que recursos municipais se refire, a Policía local prevé destinar catro indicativos en exclusiva ao evento.

O axentes estarán operativos en horario ininterrompido desde ás 14 horas ata ás 3 da madrugada e levaran a cabo a súa labor de forma coordinada cos dispositivos especiais de Tráfico e da Policía Nacional, que tamén reforzarán o s seus operativos respecto a pasadas edicións. Ademais da importante mobilización por parte do Servizo de Protección Civil, o corpo de Bombeiros dedica dúas dotacións en horario completo a maiores do servicio ordinario para atender calquera tipo de incidencia no recinto ou na súa contorna.

Méndez explicou que “este operativo especial terá por obxecto a regulación do tráfico e o control da seguridade viaria; a preservación da seguridade cidadá e a orde pública, así como a prevención de delitos contra a saúde pública e contra o patrimonio”. “Tamén haberá un punto violeta contra a violencia machista no que se levarán a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas”, engadiu a rexedora.

A alcaldesa destacou a importancia da coordinación entre as institucións para o bo desenvolvemento dunha cita “que pon a Lugo no mapa nacional dos festivais”. “Este ano acadaremos unha cifra récord de asistentes, coa previsión de acoller a máis de 33.000 persoas durante a fin de semana, polo que reforzaremos os dispositivos de control para garantir a seguridade de todas as persoas”, explicou Méndez quen animou ao público a “a gozar de forma responsable” do festival.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, garantiu que tanto a Subdelegación do Goberno como as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado colaborarán de forma activa no dispositivo de seguridade do festival, para que a última gran festa do verán en Galicia despida a tempada por todo o alto. Haberá reforzos de patrullas polos arredores do recinto e controis nas zonas que conten con gran afluencia, entre outros mecanismos para preservar a seguridade de miles de asistentes.

A subdelegada apelou á responsabilidade dos cidadáns para que Lugo siga recibindo e levando a cabo propostas que conten con artistas e bandas de renome, poñendo unha diana na provincia como sinónimo de festas de calidade, exitosas e seguras.

Na reunión participaron, ademais da alcaldesa de Lugo e a Subdelegada do Goberno, representantes da Policía Local, do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento, do Subsector de Tráfico, da Dirección Xeral de Emerxencias, do Corpo Nacional de Policía, de Protección Civil e da organización do Caudal Fest.