Skip to main content
Lugo

Investirán máis de 8,5 millóns de euros na ampliación do polígono das Gándaras

Por 15 Setembro, 2023Sin comentarios

O contrato permitirá urbanizar 3 novas fases do polígono, que suman unha superficie de case 220.000 metros cadrados e 38 parcelas.

A Xunta de Galicia investirá máis de 8,5 millóns de euros —concretamente, 8.520.497,57 euros— nas obras de ampliación do parque empresarial das Gándaras, en Lugo. Para tal fin, o Consello autorizou hoxe a empresa pública Xestur para licitar o contrato de urbanización correspondente ás fases IV, V e VII.a, que abranguen unha superficie total de 218.472 metros cadrados e dos cales o 71 % se reservará a habilitar parcelas de uso industrial.

Este mesmo mes sacaranse a licitación pública as obras, cun prazo de execución estimado en 15 meses. Deste xeito, prevese que o groso dos traballos se desenvolva ao longo do vindeiro ano e que a ampliación poida estar rematada en 2025.

Grazas a esta actuación, o polígono sumará 38 novas parcelas, que se porán á disposición das empresas interesadas en asentarse na comarca ou ampliar e mellorar as súas instalacións. De feito, os terreos da fase VII.a xa foron adxudicados de forma directa á empresa enerxética Norvento en abril deste ano a través da declaración como proxecto empresarial singular da nova fábrica vinculada ao sector das enerxías renovables que ten proxectada neste parque e coa que completará as súas dependencias actuais.

Cómpre lembrar que o proxecto sectorial para o desenvolvemento do polígono das Gándaras foi aprobado en 2007 e sufriu nos anos posteriores 3 modificacións, coa finalidade principal de adaptar o tamaño das parcelas e a distribución de usos ás necesidades do tecido empresarial e ás demandas detectadas.

A súa execución comprende un total de 9 fases de urbanización, cun ámbito bruto de 2,1 millóns de metros cadrados, dos cales aproximadamente a metade está previsto que se destinen a albergar 268 parcelas de uso industrial.

Ata o momento o Goberno autonómico leva investidos nas Gándaras ao redor de 56 millóns de euros entre o custo de adquisición dos terreos —que se compraron na súa totalidade entre os anos 2007 y 2009—, das obras de urbanización das tres fases (I, II e III) que xa están en servizo e dos traballos técnicos, taxas e trámites adicionais.

Desde o ano 2015, o parque empresarial das Gándaras, como todos os que xestiona a Xunta na provincia de Lugo, ofrece solo industrial con prezos de venda bonificados nun 50 %, polo que as empresas que adquiriron parcelas nel durante este período aforraron preto de 17,6 millóns de euros nas súas operacións.

De feito, cómpre subliñar que desde que o Executivo autonómico decidiu apostar por unha política de incentivos para animar as empresas a asentarse en polígonos da súa propiedade, As Gándaras foi un dos tres parques empresariais galegos en que máis solo empresarial se adxudicou, xunto co de Morás (Arteixo) e Bértoa (Carballo).

En total e desde a posta en marcha da primeira fase do polígono lucense, xa foron adxudicadas 149 parcelas cunha superficie de 488.278,82 metros cadrados e nas cales se implantaron 86 proxectos empresariais. Ademais, cómpre subliñar que a totalidade do solo dispoñible nas dúas primeiras fases xa está vendido, mentres que na terceira, cuxa urbanización se completou o pasado mes de maio, quedan 8 parcelas en venda a un prezo de 60 euros o metros cadrado, unha vez aplicada xa a correspondente bonificación.