Skip to main content
Lugo

A Deputación abre unha nova convocatoria para os 15 hortos urbanos do Rato

Por 22 Setembro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Goberno aprobou este venres unha nova convocatoria pública para adxudicar os 15 hortos urbanos da institución provincial que quedaron dispoñibles no Paseo do Río Rato. Así o anunciou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto, trala reunión celebrada esta mañá no Pazo de San Marcos. “Son espazos que quedaron libres, ben porque finalizaron os dous anos de autorización que os usuarios tiñan concedido, ou ben polas renuncias ou baixas que se produciron”, sinalou.

A Deputación abre este novo proceso co obxectivo de conceder a autorización de uso nestas 15 parcelas “co que completaremos os 150 que están habilitados no Rato, pero tamén para cubrir vacantes no caso de producirse renuncias ou procedementos de sanción por incumprir o Regulamento de funcionamento deste proxecto”, subliñou García Porto.

A voceira provincial socialista subliñou que se manterán os mesmos requisitos e criterios ca en fases anteriores: “Poderán presentar unha solicitude todas as persoas físicas ou asociacións de Lugo e de concellos limítrofes interesados, e que non posúan terreos con posibilidade de ser cultivados”.

No caso de que as solicitudes presentadas superen o número de parcelas dispoñibles, farase unha valoración en base a criterios sociais, dando prioridade ás persoas en situación de desemprego, cunha renda per capita menor, familias numerosas ou xubilados. Polo que respecta aos colectivos, terán prioridade aqueles sen ánimo de lucro ou representantes de centros educativos.
As bases que rexen esta convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o vindeiro xoves, 28 de setembro. A partir do día seguinte –29 de setembro- e durante un prazo de 10 días hábiles, os interesados poderán presentar as súas solicitudes, no Rexistro da Deputación ou a través da Sede Electrónica da institución. Os que resulten beneficiarios poderán facer uso dos hortos de maneira gratuíta por un período de dous anos, con posibilidade de prórroga.

Durante ese tempo, informou García Porto, os usuarios “contarán cun servizo de mantemento e de asesoría que a Deputación lles pon a disposición de maneira totalmente gratuíta”. No que respecta aos solicitantes que queden fóra do proceso de adxudicación “pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda, para ir cubrindo posibles renuncias ou baixas”.

Polo tanto, destacou Pilar García Porto “seguimos adiante co proxecto dos hortos urbanos do Rato, que empezamos a poñer a disposición da cidadanía no pasado mandato, en marzo do ano 2021, co obxectivo de fomentar a agricultura ecolóxica, a conciencia ambiental e o lecer saudable”.