Skip to main content
Lugo

A Xunta asegura que construirá 146 vivendas de promoción pública na cidade

Por 28 Setembro, 2023Sin comentarios

A Xunta de Galicia está a tramitar a contratación da redacción do proxecto e dirección de obra de dúas promocións de vivenda pública no barrio de Garabolos, en Lugo, que sumarán 146 pisos e ás que destinará un orzamento estimado de máis de 21 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que estes contratos licitáronse no mes de xullo, por un valor conxunto de 1.175.500 euros, e están actualmente en fase de valoración das ofertas presentadas.

Independentemente destes proxectos, engade o delegado, “queremos executar tamén o investimento que estaba previsto no Castiñeiro”. Ao respecto, puntualiza que esta parcela e as dúas de Garabolos nas que se proxecta edificar son as únicas de titularidade autonómica na cidade nas que actualmente é posible unha actuación directa sen necesidade de desenvolvemento urbanístico previo.

En concreto, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda construirá as edificacións en solares da Xunta na avenida Paulo Fabio Máximo, unha con 76 vivendas e un investimento previsto de máis de 11 millóns de euros, e a segunda con 70 pisos e un investimento previsto de 10,1 millóns.

“Evidentemente avanzamos nestes proxectos, pero iso non supón ningún impedimento para seguir reclamando unha parcela que conte coas condicións necesarias para executar o investimento que estaba previsto no Castiñeiro”, afirma Arias.

Neste sentido, o delegado indica que “esa promoción conta cunha asignación orzamentaria da Consellería de case 8 millóns de euros, dos que 2,8 proceden de fondos europeos, pero segue á espera de que o Concello de Lugo ofreza unha parcela na que edificar”.

Arias pide á alcaldesa que “non busque escusas e permita esta actuación”. Lembra que houbo dúas reunións técnicas entre ambas administracións para tratar os termos do convenio de colaboración que recolla a permuta do solar do Castiñeiro, propiedade da Xunta, por outro de propiedade municipal, “pero falta o principal, que é precisamente o solar municipal”.

“Se estamos de acordo en que Lugo necesita máis vivenda pública -conclúe o delegado- non podemos permitir que esta iniciativa se paralice e se perdan os fondos asignados”.