Skip to main content
Navia de Suarna

O PP de Navia de Suarna condena que “tres concelleiros se repartan o salario do alcalde”

Por 28 Setembro, 2023Sin comentarios

O PP de Navia de Suarna considera que “o salario que deixa de percibir o alcalde ía mellor empregado en servizos directos para todos os veciños que en pagar a concelleiros do goberno que antes xa o eran sen cobrar dedicación”.

Así o traslada o portavoz, Raúl Pérez, tralo pleno deste mércores no que o goberno local aprobou cos votos do PSOE as dedicacións parciais a tres concelleiros: o de Educación, Cultura e Deportes (12.000 euros brutos anuais por 63 horas ao mes); o de Obras, Medio Ambiente e Medio Rural (9.600 euros brutos ao ano por 50,7 horas ao mes) e a de Xuventude, Festas e Servizos Sociais (12.400 euros brutos ao ano por 65,7 horas ao mes).

Os concelleiros do PP votaron en contra ao non considerar apropiado “repartir o diñeiro que cobraba o alcalde por exercer as súas funcións (e que el mesmo decidiu non recibir agora porque percibe a súa xubilación) entre tres concelleiros por facer o que xa facían antes: nada”.

Para os populares resultou “chamativo” que, tras saír aprobada a proposta do alcalde, “o concelleiro delegado de Educación, Cultura e Deportes renunciara no propio pleno a percibir esa dedicación parcial”. Ante esta situación, dende o PP consideran que “non se entende entre si mesmos a pesar de formar parte do equipo de goberno e dun mesmo partido”.

PROPOSTAS DO PP

Raúl Pérez lembra que “o alcalde xa fai uso dun vehículo do Concello que pagamos todos os veciños” e defende que “ese diñeiro se podería aproveitar para ofrecer servizos aos veciños de Navia de Suarna”. Os populares propoñen, por exemplo, organizar actividades extraescolares para os nenos e nenas polas tardes gratuítas para as familias que, ademais, poderían servir de reforzo nalgunhas materias que os pais e nais demanden.