Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación adxudica o contrato para o proxecto Acelera PEMES

Por 9 Setembro, 2023Sin comentarios

A institución reforza este proxecto, co que presta apoio e asesoramento gratis ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital, poñendo en marcha nos vindeiros días unha oficina móbil que percorrerá todos os concellos.

Na reunión do Executivo provincial celebrada o venres pola mañá saíu adiante a adxudicación por 20.000€ dun contrato para o subministro do combustible necesario para o funcionamento da oficina móbil do proxecto Acelera PEMES, a través do que a Deputación presta apoio e asesoramento gratuíto ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital de cara a mellorar a súa competitividade, produtividade e abrir novas oportunidades de negocio.

A oficina móbil do Acelera PEMES comezará nos vindeiros días a percorrer todos os concellos da provincia para facer presentacións e chegar a máis empresas, reforzando así a actividade que xa se vén desenvolvendo no marco deste proxecto dende hai seis meses co traballo de 7 axentes dixitais que se moven polas diferentes comarcas e coas oficinas abertas nos concellos de Viveiro, Lugo, A Fonsagrada, Láncara, Monforte e Vilalba.

Nestes encontros coas empresas estudan a situación da que parte cada unha delas e buscan ferramentas que encaixen coa súa actividade para beneficiar o seu volume de negocio. Por exemplo, axúdanlles a crear redes sociais e impulsalas para que teñan máis seguidores, tamén á posta en marcha de Whatsapp Business para que interactúen coa súa clientela ou implantan solucións dixitais específicas do seu sector que son moi útiles para os negocios.

O programa Acelera PEMES está dotado con medio millón de euros, dos cales o 80% (400.000€) proceden da Unión Europea a través da entidade pública empresarial Red.Es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e o 20% (100.000€) da propia Deputación de Lugo.

A provincia, Destino Turístico Intelixente

Por outra banda, a Xunta de Goberno acordou aprobar a adhesión ao novo protocolo de actuación para a participación, impulso, apoio e promoción da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) e ao Código Ético da entidade. Trátase dun paso necesario para que a Deputación de Lugo siga formando parte desta Rede estatal, da que é membro dende o seus comezos en 2019, dentro da súa aposta por fomentar na provincia un turismo de calidade e sostible

Entre as modificacións inclúense cambios nos regulamentos base da entidade, así como novas categorías de membros, e ten unha duración de catro anos, prorrogable unha ou varias veces ata un máximo de catro anualidades máis.

A Rede de DTI é unha iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España para fomentar o intercambio de experiencias e coñecemento que contribúa ao desenvolvemento intelixente dos destinos turísticos.