Skip to main content
Chantada

O saneamento de Chantada será mellorado grazas a un acordo firmado coa CHMS

Por 29 Setembro, 2023Setembro 30th, 2023Sin comentarios

A Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS), mellorará o saneamento de Chantada cun presuposto de 2.000.000 euros tras firmar, o pasado 5 xullo, o convenio de colaboración entre esta administración e o Concello de Chantada.

Como punto de partida, xa foi adxudicada a tarefa de redacción dun estudo previo á empresa Proyfe, S.L. por valor de 143.500 euros, co fin de determinar o estado de conservación da rede principal e identificar as deficiencias. Este contendrá o proxecto que incluirá un primeiro paquete de actuacións coas obras máis urxentes.

Actualmente, Chantada conta cunha rede de saneamento unitaria, composta por unha EDAR do ano 1992, que non dispón de elementos de regulación e laminación de caudais. A ausencia destes sistemas, xunto co crecemento urbano, leva a un deficiente funcionamento que xera vertidos, sen o adecuado tratamento ao medio receptor e gran filtración de auga limpa, o que dificulta a depuración.

Estudo Previo

Para determinar as necesidades de actuación, contratouse un estudo descritivo das características e deficiencias que presenta o sistema, incluíndo a modelización do comportamento da rede, tanto en tempo seco como en episodios de chuvia, o que servirá para expor diferentes alternativas de actuación, como tanques de tormenta, eliminación de alivios, estacións de bombeo, execución de novos tramos de conducións, retirase de pluviais e de augas limpas procedentes de leitos, etc.

Á vista dos resultados que se obteñan, redactarase un proxecto que incluirá unha primeira fase coas obras máis urxentes a executar baixo este acordo e, ademais, identificaranse as restantes actuacións que sexan precisas para solucionar os problemas que actualmente padece o saneamento de Chantada e que poderán ser obxecto de posteriores fases.

“Estas actuacións teñen como obxectivo mellorar a calidade das augas, eliminando os problemas que presenta a rede de saneamento actual” explicou José Antonio Quiroga, presidente da CHMS. “O Convenio asinado co Concello de Chantada é o primeiro paso para mellorar o saneamento do municipio, que require dunha actuación máis integral co fin de evitar as verteduras e as filtracións e de conseguir un desenvolvemento máis sostible” concluíu o presidente.