Skip to main content
Monforte

O Parlamento aprobou a iniciativa do PSOE para impulsar a actividade agraria no Val de Lemos

Por 24 Setembro, 2023Setembro 25th, 2023Sin comentarios

O Parlamento aprobou a iniciativa socialista para impulsar a actividade agraria no Val de Lemos, instando á Xunta a que colabore coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil e cumpra co exercicio das súas competencias para recuperar a produción no territorio pasando pola modernización do sistema de regadío.

O deputado socialista Martín Seco defendeu na Comisión de Agricultura da Cámara galega a súa iniciativa, sendo finalmente aprobada por unanimidade logo dunha transacción de emendas co grupo popular.

Deste xeito, ínstase á Xunta a que, por unha banda, poña en marcha unha mesa de traballo cos distintos actores implicados para activar a posta en valor do sector agrario do Val de Lemos e o seu regadío, e por outra banda, que se elabore un plan de reactivación da minguada actividade agraria neste territorio, desenvolvendo a Lei de recuperación de terra agraria de Galicia.

Seco fixo referencia ao Plan Hidrolóxico realizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o período 2021-2027, que cifra en 11,83 hectómetros cúbicos a cantidade de auga necesaria para os regadíos, que en comparación cos 21,25 hectómetros cúbicos do ano 2006 amosan non só o éxito dos controis máis rigorosos do regadío, pero tamén a “preocupante redución do número de leiras” que necesitan del polo que “deixan claro o declive da agricultura vinculado ao Val de Lemos”.

Dende o Grupo Socialista reclaman que a Xunta traballe conxuntamente coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil que depende do goberno e aporte medios para os estudos dos terreos, como co Plan Integral de Aproveitamento do regadío do Val de Lemos que realiza actualmente a USC, así como para impulsar mellora do sistema de regadío que consideran vitais para o mantemento da actividade agraria neste territorio.

Reproches á Xunta

Martín Seco aproveitou para reprochar á Xunta que “venda a modernización do regadío como cousa súa cando é o Estado o que marcou un investimento inicial de 19 millóns de euros”, sendo que “o goberno galego complementa o investimento para os pozos cuns 4 millóns de euros”. Do mesmo xeito, reivindicou que do Plan de Modernización de Regadíos que puxo en marcha o executivo central destina a Galicia case 13 millóns de euros, así como que xa anunciou que se destinarán 410 dos 800 millóns de euros de ampliación do orzamento do Perte Agroalimentario a impulsar regadíos sostibles.

O que o socialista considera “esencial” é que dende o goberno galego “fixesen a súa parte do traballo” que é “actuar na propiedade por vía dos instrumentos dos que nos dotamos coa Lei de Recuperación de Terra Agraria e que mudase a estrutura da propiedade á que da servizo o regadío”.

Na mesma liña, expuxo que a Irtag, “ben aplicada”, permitiría mobilizar terreos para poñelos a producir e frear o descenso da actividade agraria na zona.

Para finalizar, reclamou unha serie de traballos nos que se debe implicar e impulsar a Xunta, como un “Plan de recuperación de zonas con gran aptitude cerealística”, “procesos de concentración parcelaria de forma urxente”, “concluír o proxecto piloto de mobilización de terra no Val de Lemos”, actualizar os perímetros urbanos da zona do val, así como crear dende Medio Rural unha mesa cos distintos actores implicados para activar a posta en valor da zona partindo dos traballos realizados ata o de agora.

Apoio do BNG

O BNG, a través da súa deputada, Carme Aira impulsa un acordo para crear “unha Mesa de traballo” coa Confederación hidrográfica Miño-Sil e o sector agrario do Val de Lemos para abordar os problemas dos regantes.

O acordo parlamentario acadado no Parlamento galego partiu do texto transacionado polas tres forzas políticas para  instar á Xunta a poñer en marcha conxuntamente coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, unha mesa de traballo que inclúa aos distintos actores implicados para activar o sector agrario do Val de Lemos e o seu regadío, no que cada unha das administracións actúen dentro das súas competencias.