Skip to main content
Monforte

O Concello de Monforte distribuirá exemplares de ‘Vida y obra del VII Conde de Lemos’ nos centros educativos

Por 29 Setembro, 2023Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, asistiron á presentación do último libro da escritora e historiadora monfortina Manuela Sáez, ‘Vida y obra del VII Conde de Lemos, Don Pedro Fernández de Castro’ no Palacio de Liria de Madrid.

Na intervención, feita polo Duque de Alba durante a presentación do libro, este amosouse moi orgulloso de ostentar o título de Conde de Lemos, “xa que é un dos máis grandes e antigos da Casa de Alba”.

O Concello de Monforte, pola súa parte, contribuíu na coidadosa edición e na financiación deste libro, debido a que o VII Conde de Lemos é unha figura moi relevante dentro da historia monfortina, e que deixou unha profunda pegada en eidos tan importantes como a política, a sociedade ou a cultura.

Deste xeito, o Concello distribuirá exemplares deste libro, que consta de dous volumes, na Biblioteca Municipal Poeta Lois Pereiro, así como nos diferentes centros educativos de educación primaria e secundaria de Monforte. “O resto de exemplares dos que dispón o Concello serán entregados en visitas institucionais, debido a que o VII Conde de Lemos é unha figura que debe ser dada a coñecer polo que significa dentro da historia de Monforte”, destacou o rexedor.

No acto, estiveron presentes entre outras moitas autoridades, o Embaixador de Italia en España, Giuseppe Buccino Grimaldi (que é napolitano), e o actual XXIII Conde de Lemos e XIX Duque de Alba, D. Carlos Fitz-James Stuart y Martínez de Irujo, acompañado do seu fillo maior e próximo herdeiro, D. Fernando Fitz-James Stuart y Solís, XVII Duque de Huéscar, con quen o alcalde aproveitou para departir sobre Monforte e a Ribeira Sacra.