Skip to main content
Quiroga

Comezou un novo curso na Galiña Azul de Quiroga con 17 prazas cubertas das 19 ofertadas

A escola A Galiña Azul de Quiroga deu comezo ao seu servizo neste curso 2023-2024 cunha xornada de portas abertas na  que os pais e nais de Quiroga puideron ver, de primeira man, as actividades que se realizan e de que servizos van desfrutar as súas crianzas.

O centro educativo inicia así un novo curso no que por segundo ano será gratuíto para todo o alumnado e no que xa hai 17 prazas cubertas das 19 ofertadas, o que indica unha moi boa acollida por parte das familias de Quiroga ao permitir conciliar a vida laboral e familiar.

Algúns dos nenos e nenas que cubriron as prazas repiten un ano máis no servizo e outros son de novo ingreso, que deberán pasar por un período de adaptación, polo que non entrarán todos a mesma hora nin permanecerán no centro en horario completo.

Durante este curso, a escola A Galiña Azul de Quiroga abre en horario ininterrumpido de 08.00 horas a 16.30 horas e contará cun equipo de coidadoras de dúas mestras e unha educadora.

Máis servizos

O centro de Quiroga conta tamén cun servizo de comedor de cáterin, para aqueles nenos que o soliciten. Este servizo complementario, con menús adaptados por idades, non é gratuíto como a atención, abonarase segundo a normativa de prezos que vai en función da renda.

As persoas usuarias dentro do horario de apertura do centro poden optar por xornada completa continuada ou por media xornada, e por xornada por quendas, non superando as oito horas diarias.

Os centro permanecerá aberto de luns a venres, excluídos os días considerados festivos no calendario laboral e os días 13 de outubro e 7 e 26 de decembro, así como o mes de agosto.