Skip to main content
O Saviñao

Preto de 160.000 euros para rehabilitar dúas estradas que pasan polo Concello do Saviñao

A Deputación de Lugo acordou este venres adxudicar a rehabilitación do firme de dúas estradas ao seu paso polo Concello do Saviñao por preto de 160.000 euros, incluíndo en total máis de 11,5 quilómetros, e adxudicada á empresa Fevisa Vías e Obras.

Así, levaranse a cabo na LU-P-5807, de Lamaquebrada a Montecelo, que será renovada nos seus primeiros 6,415 quilómetros cun orzamento de máis de 60.500 euros; e na LU-P-5808, que une a LU-P-3202 coa LU-P-4102 por Valiñocobo, que se rehabilitará dende o comezo ao punto quilométrico 5,125 grazas a un investimento que ronda os 100.000 euros.

En ambas estradas os traballos consistirán na reapertura de cunetas, a reparación do estado do firme e o asfaltado da superficie para mellorar a circulación e aumentar a seguridade dos usuarios que empreguen esta vía provincial.

A mellora destas vías beneficia ao sector turístico e vitivinícola da zona, pasando ademais por parte dela o Camiño de Santiago de Inverno, así como ao sector gandeiro e agrícola. En ambos casos trátase de zonas que contan cun gran volume de tráfico debido aos sectores económicos que abranguen.