Skip to main content
O Saviñao

Xerezade actuará no Folión das Fachas de Vilelos que terá lugar esta noite

Por 22 Setembro, 2023Setembro 23rd, 2023Sin comentarios

A Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos celebra esta noite de venres, 22 de setembro, unha nova edición do Folión das Fachas de Vilelos, que conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da visita de Iria Castro e Daniel Castro.

A noite iniciarase cunha pancetada popular ás 21.00 horas, que reunirá á veciñanza na Besta e o Folión comezará ás 00.00 horas, co prendido das fachas que alumearán a subida e a volta ao castro e continuará cunha actuación de Xerezade.

A Asociación de Veciños de San Martiño de Vilelos mantén viva unha tradición ligada nas súas orixes á celebración das colleitas e que chegou á actualidade como un anuncio do inicio das festas da parroquia. Coas fachas de agucios prendidas e con acompañamento musical, os veciños e veciñas soben en procesión desde a aldea ata a cima do castro da Besta, onde o ritual de lume e música pode ser albiscado desde as parroquias veciñas.

Vilelos é, xunto a Castelo, en Taboada, e Castro Caldelas, en Ourense, un dos poucos lugares de Galiza onde se conserva esta manifestación cultural, explican desde a organización, na que participan diferentes xeneracións de veciños e veciñas da parroquia e na que destaca o impulso das máis novas, “moi orgullosas” da tradición herdada.

A deputada Iria Castro destacou “a implicación da veciñanza para dar continuidade a esta tradición, que xenera un orgullo e un sentido de pertenza moi importante á hora de crear comunidade no rural” e lembrou “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo co tecido asociativo, que desenvolve un papel fundamental na dinamización cultural e social das parroquias”.