Skip to main content
Samos

O CEIP Samos celebra o seu 40 aniversario este sábado con varias actividades

Por 29 Setembro, 2023Outubro 2nd, 2023Sin comentarios

Este sábado, o CEIP Samos celebra o seu 40 aniversario cunha chea de actividades para conmemorar o momento no que se decidiu apostar por crear unha escola que unificara aos nenos das diferentes parroquias de Samos no ano 1983.

Noelia Pillado, responsable do centro, explica que a idea era celebrar esta festa en horario lectivo, pero moitas persoas vencelladas ao centro educativo, agora non viven en Samos e durante a semana non podían asistir, polo que se decidiu a facerse o sábado, 30 de setembro, para promover que participe “canta máis xente mellor”.

Así, están convidados ex profesores, ex alumnos, ex pais e nais, equipo docente actual, o alumnado de hoxe en día e tamén as persoas que acompañan a eses menores, pais, nais e tutores.

Actividades

Esta iniciativa, promovida e organizada pola dirección do centro coa axuda da Anpa, contará con diversas actividades, tanto para os nenos e nenas, como para os adultos, que desfrutarán dunha tarde de sábado entretida.

Así, a festa comezará ás 16.00 horas cunha obra de teatro e despois os nenos e nenas poderán xogar nas colchonetas da aula habilitada con eses recursos e, tamén, terán lugar varios xogos tradicionais para todas as idades.

Tampouco faltará a comida para tomar algún pincho xuntos e compartir experiencias, vivencias e nostalxias; así como será un momento para poñer en valor o colexio rural e promover iniciativas que fomenten que se manteña e aumente en capacidade de alumnado.

Éxitos e colaboración

Desde a dirección din estar moi orgullosas de conseguir sete matrículas novas para este curso, o que suma un total de 22 alumnos, xa que o ano pasado había 17 e dous alumnos promocionaron e pasaron ao instituto, o que lles faría quedarse en 15.

“A labor da Anpa foi moi importante para que puidéramos conseguir esas sete novas matrículas e faremos todo o posible por seguir aumentando o alumnado para mellorar a calidade educativa, pero tamén fixar poboación en Samos”, sostivo Noelia Pillado.

Ademais, explican que actualmente teñen moi boa relación co goberno local de Samos, encabezado pola alcaldesa, Chus López, que está a prestarlles toda a axuda necesaria para mellorar o colexio e fomentar as actividades que se realizan nel.