Skip to main content

Por Moncho Paz

O 31 de agosto de 1928, día de San Ramón, un enxeñeiro húngaro chamado Dénes Mihály presentaba na Mostra de Radio de Berlín un aparello da súa invención: o televisor de 30 liñas. Era un home curioso, en todos os sentidos do termo, pois con dezaseis anos xa publicara varios libros sobre automóbiles e motocicletas. Despois da universidade, comezara a ensaiar coa tecnoloxía da televisión na fabricación de teléfonos. O seu primeiro experimento databa de 1919 e chamouse Telehor, preparado para transmitir imaxes fixas a unha distancia de moitos quilómetros. En 1922 patentou o Projectophon, que recibiu o recoñecemento mundial no campo da imaxe sonora. A partir de 1924 continuou as súas probas con imaxes, transferindo posteriormente os resultados a películas cinematográficas. Constituíu unha empresa denominada Telehor AG para producir televisores e, deste xeito, en 1935 apareceu no mercado o televisor Mihály-Traub, concibido xunto ao físico E.H. Traub.

Souben da historia de Mihály a través de Alberto Miguel Arruti, que en 1989 nos impartía na Facultade de Xornalismo de Madrid a materia Teoría e técnica da información audiovisual.

Para facela máis amena e familiarizarnos cos contidos, de cando en vez traía un profesor convidado. No comezo daquel curso, o protagonista foi o berciano José Manuel González Torga, con quen compartira andaina profesional en RTVE durante os anos finais do franquismo e o comezo da primeira transición. Físico de profesión e de vocación, Arruti fixérase xornalista no París convulso da década de 1960, onde coñecera ao vilalbés Ramón Chao en Radio France, entre outros persoeiros. Á súa volta, chegou a ser director dos Servizos Informativos de TVE e membro da xunta directiva da Asociación Española de Comunicación Científica.

A clase que nos impartiu aquela tarde con González Torga versaba sobre o programa dominical ‘625 líneas’, emitido por TVE entre 1976 e 1981 en sesión de tarde e cunha hora de duración. A súa finalidade era informar aos telespectadores dos diferentes espazos que ofrecía a cadea durante os seguintes sete días. A idea non era orixinal, pois a canle pública tivera con anterioridade outros modelos de programas-anuncio; pero unha das claves do éxito de ‘625 líneas’ foi a adopción do formato de variedades, con entrevistas, números musicais e sobre todo, humor.

Na primeira etapa do programa (1976-1977), a presentación correu a cargo do entón director, José Antonio Plaza e da actriz Francisca Gabaldón, acompañados pola dominicana Roxana Dupré, a primeira locutora afroamericana na historia de televisión en España. Durante uns meses, a sección infantil foi conducida por José María Pascual, o neno que interpretaba as cancións da serie de debuxos animados ‘Marco’. Porén, unha orde do Ministerio de Traballo apartaría posteriormente a José María por mor da súa minoría de idade.

A partir de setembro de 1977, José Antonio Plaza e Paca Gabaldón foron substituídos pola parella que máis tempo estaría á fronte do mesmo: Mayra Gómez Kemp e Juan Santamaría. Durante algúns meses de 1978, a que logo sería estrela do cinema español, Vitoria Abril, ocupouse do apartado musical. Dende 1979 e ata a cancelación do programa en 1981, a presentación foi asumida por Marisa Abad, Isabel Borondo, Eva Gloria, Marisa Medina, Elena Gutiérrez e Santiago Peláez. Este último asumiu a dirección do espazo en 1979.

Ao longo dun lustro, foron moitos os humoristas que amenizaron o programa coas súas actuacións; os máis lembrados serían Tip e Coll, que fixeron un remedo de noticiario, no que puxeron de moda a frase “A próxima semana falaremos do Goberno”.

Con todo, a parella de humoristas máis famosa da época non puido evitar os rigores da censura, aínda vixente. O programa supuxo tamén o debut ante a cámara da actriz cómica Beatriz Carvajal. Outros humoristas que desfilaron polo estudo de ‘625 líneas’ foron Andrés Pajares, no papel do Currante, o tándem Juanjo Menéndez-Jesús Puente, e Juanito Navarro e Simón Cabido, na recuperación do seu personaxe ‘Dona Croqueta’, o seu momento de máxima popularidade. En 1978 contou tamén coa presenza de María Eugenia, María Laura e María Emilia, as arxentinas “Trillizas de Oro”, coñecidas internacionalmente por formar o coro de voces do cantante Julio Iglesias.

Naquela tarde de outono, Arruti e González Torga arrancaron a súa lección maxistral falándonos deste espazo, para explicarnos a tecnoloxía PAL (Phase Alternating Line) da televisión analóxica de 625 liñas, de aí o nome do programa. Estaba baseada nun sistema de codificación utilizado na transmisión de sinais de televisión en cor. “Implantouse na maioría dos países africanos, asiáticos e europeos, ademais de Australia e tamén nalgúns países América do Sur, como Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai”, contaba o profesor. Este xeito de ensinar a materia fora idea de Mariano Cebrián Herreros, que se incorporara ao ensino universitario poucos anos atrás, aportando novas tendencias para captar a atención do alumnado. Abofé que o conseguiron.