Skip to main content
Colaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXAColaboracións TERRACHÁXA

A importancia de que os nenos falen o noso idioma

Por 12 Setembro, 2023Sin comentarios

Por Raúl Río.

Xa sabemos que o noso idioma estivo sempre denigrado e que foi vilipendiado e vituperado desde primeiros do século XIII, cando Fernando III, fillo de Alfonso VIII de Galiza (Alfonso IX para os españois) e da súa dona Berenguela de Castela, unificou os reinos, desaparecendo o reino de Galiza, que quedou relegado ao de Castela, polo que aínda hoxe segue sendo perseguida oficialmente a súa utilización.

Durante o franquismo, ao grito de “Arriba España” prohibiron o galego na escola e dicían os carteis nos concellos e noutros lugares públicos: “Hable usted español y no séa paleto”; “Hable bien. Séa patriota – No séa bárbaro”, como si falar galego fora falar mal ou ser paleto, chamándolle bárbaro a quen ousaba utilizalo e castigando de diferentes xeitos a quen o falaba na escola ou en lugares públicos.

Logo chegou a democracia e seguiron insistindo: “Galicia bilingüe” quitouse a careta e pasou a chamarse “Hablamos español”, idioma que ninguén lles prohibe, e puxeron grandes carteis publicitarios en Ourense, A Coruña e Sanxenxo cos nomes deturpados deses pobos e co seu nome real en galego, que algúns paisanos, retranqueiros eles, ridiculizaron con memes, traducindo Muxía por Ordeñaba, Somozas por Solo Chicas, Castro Cual de Ellas por Castro Caldelas, Camaritas por Camariñas, e así algúns outros topónimos.

Seguen insistindo que o noso idioma non serve para andar polo mundo, cando con el podemos comunicarnos con todas as nacións de fala portuguesa, máis de 270 millóns de persoas en toda Europa, África, Sur América e Asia e o Goberno Galego, que ten a obriga de velar pola súa conservación e potenciar o seu uso, pon todos os medios ao seu alcance para conseguir o efecto contrario.

Ese ataque ao galego ao longo de tantos anos fixo que moitas persoas pensaran que o idioma que falamos non sirve para nada e quizás por iso os galegos e galegas temos unha crise de valores; somos moi dados a desprezar o noso e enxalzar o alleo, aínda que sexa peor. Así que moitos, para non ser paletos nin bárbaros, pensan que aos nenos é moito mellor ensinarlles só o idioma español e tamén, por si o día de mañá teñen que coller a maleta e marchar polo mundo adiante, como tivemos que facer (e aínda fan agora) moitos mozos e mozas para poder gañarse a vida dignamente, pensando que quezas o galego lles crearía confusión e non lles deixaría espazo suficiente no cerebelo para aprender outro, pois non saben dos beneficios que supón utilizar o galego e outro idioma desde que empezan a falar.

Algúns deses beneficios explícanolos a neurocientífica, Sonia Villapol, xefa de laboratorio e profesora de Neurocirurxía no Instituto Académico de investigación do Hospital Metodista de Houston (Texas) e profesora de Neurociencia na Facultade de Medicina no Weill Cornell de Nova York, nun estudo titulado “Falar galego pode mellorar a nosa intelixencia: descubre por que”, publicado na revista “GCiencia xornalismo+divulgación”.

Afirma Sonia nese interesante estudo, “que se debería falar galego desde a infancia, xa que é nese período cando se esculpe a neuroplasticidade e as estruturas cerebrais, que nos facilitarán adaptarnos ao bilingüismo e multilingüismo, pois a combinación de dúas linguas pode asociarse a un mellor rendemento e unha maior conectividade entre as redes neuronais, debido á dedicación e control de dous sistemas lingüísticos, porque a experiencia de falar dous idiomas altera a estrutura do cerebro e mellora certas funcións cognitivas, afectando tamén ao procesamento matemático”.

Di que un ambiente familiar onde se falen dúas ou tres linguas é moi beneficioso para os nenos e que posibilita vantaxes ao longo da súa vida, pois canto antes se empece a falar dous ou mais idiomas, moito mellor para o cerebro e comprobou que os nenos que tiveron exposición a dúas linguas antes dos tres anos tiñan unha maior conectividade neuronal que os que o fixeron entre os tres e cinco anos.

Comprobou tamén, que as persoas que unicamente falan español teñen peor procesamento da linguaxe que as que falan galego e español (ou outro idioma), debido a que “as persoas bilingües presentan mais materia gris e maior integridade de materia branca nas rexións asociadas á lingua e ao control executivo”.

Asegura ademais, que falar dous ou mais idiomas de por vida asóciase á aparición tardía da demencia, incluída a demencia de alzhéimer.

Polo tanto, non privemos as nosas crianzas desas vantaxes para toda a súa vida e ensinémoslles o galego ademais doutro idioma calquera. Non lles podemos facer caso aos gobernantes da Xunta, que incluso prohiben dar clases de matemáticas no idioma de Pondal e Rosalía. Temos que facer mais caso á ciencia e ás científicas que a eses badulaques que odian o galego, pois cientificamente existen razóns moi contundentes para entender e falar dúas ou mais linguas a partir da materna, debido aos efectos beneficiosos que lles proporciona para o seu futuro.

Queirámonos algo mais e nunca deixemos de ser o que somos.