Skip to main content

O auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo vestiu as súas mellores galas para albergar a festa do adestrador/a galego/a con motivo da celebración do Día do Adestrador, un evento organizado polo Comité Galego de Adestradores da RFGF. Foi unha xornada de fortes emocións, repleta de momentos para o recordo, un acto no que a formación, a lembranza cara aos que por desgraza xa non están entre nós e o recoñecemento por parte do fútbol galego aos nosos técnicos déronse a man no paraíso das Rías Baixas. A xornada, moi emotiva, concluíu coa entrega da Medalla de Prata da RFGF a Jonatan Giráldez, o técnico vigués do equipo feminino do FC Barcelona campión de Europa.

O cantautor cubano David Álvarez foi o encargado de poñer o ritmo ao acto no seu inicio. Tras a súa brillante actuación, o presidente da RFGF, Rafael Louzán, o presidente do Comité Nacional de Adestradores da RFEF, David Gutiérrez “Guti”, e o concelleiro de Deportes do Concello de Sanxenxo e deputado provincial, Marcos Guisasola, foron os encargados de dar a benvida aos máis de 300 asistentes a esta nova edición do “Día do Adestrador”.

Os tres coincidiron á hora de afirmar “o excelente estado de saúde” do que goza o estamento de adestradores en Galicia, á vez que agradeceron a todos os alí presentes a súa asistencia a un evento “feito por e para os adestradores galegos, un estamento en ocasións pouco recoñecido pero indispensable para que tanto o fútbol, como o fútbol sala, o fútbol praia e o fútbol gaélico galegos continúen conquistando éxitos ano tras ano”, como así matizou o presidente da RFGF, Rafael Louzán.

O Comité Galego de Adestradores da RFGF tamén quixo render a súa humilde homenaxe aos que xa non están entre nós. Foi un ano especialmente duro para o fútbol galego, debido a que neste 2023 deixáronnos gran parte das nosas lendas.

Así, a RFGF quixo, desta maneira, lembrarse e render tributo ás figuras de Arsenio Iglesias, Luís Suárez, Amancio Amaro e ao xornalista Pepe Domingo Castaño durante a celebración desta nova edición do “Día do Adestrador”.

Recoñecementos

Un dos momentos máis emotivos e especiais chegou coa entrega de recoñecementos aos adestradores/as destacados/as que imparten maxisterio no fútbol galego.

O Comité Galego de Adestradores da RFGF que dirixe Iván Cancela quixo así, outro ano máis, recoñecer aos técnicos máis destacados da pasada campaña nas distintas especialidades que forman parte da RFGF (fútbol gaélico, fútbol praia, fútbol sala e fútbol) e a todos aqueles adestradores/as das distintas delegacións de Galicia pola súa traxectoria a prol do noso fútbol.

Entre eles destacan varios da provincia de Lugo. En fútbol campo destacouse a figura de Fernnado Corredoira, do EF Polvorín, como Adestrador destacado da Delegación de Lugo; Rafa Casanova, do CD Castro, como o máis destacado de Primeira Galicia; Brais Prado, da Sarriana, en Preferente, e Simón Lamas do Vilalbés, en Terceira Federación.

En fútbol sala, o máis destacado da Delegación de Lugo foi Manuel Martínez, Maradona, adestrador no Concello de Guitiriz e no Lugo Sala. Tamén se recoñeceu a Christian Costoya, do Rábade FS, en Preferente Norte; Iván Cao, do Xove, en Terceira División; Dani Díaz, do Lugo Sala, en 2ºB; José Carlos Martín, Chipi, do FSF Castro na Segunda División Feminina; Julio Delgado, do Burela, na masculina. Finalmente, tamén se recompensou o labor de Benigno García, seleccionador benxamín, equipo que foi campión de España.