Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXASarria

Friol inaugura un polo de emprendemento no que se anuncia outro para Sarria

Por 25 Setembro, 2023Setembro 26th, 2023Sin comentarios

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou que, con estes dous recursos, a provincia disporá dunha rede de 5 polos para dinamizar a súa economía e asentar poboación aproveitando o seu potencial emprendedor.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, inaugurou hoxe en Friol o Polo de emprendemento e apoio ao emprego Lugo Comarca, que está a botar a andar para aproveitar o potencial emprendedor desta zona interior de Lugo. Nun acto, no que a representante autonómica destacou o potencial que ofrece Lugo para xerar riqueza e emprego, anunciou que a Xunta de Galicia instalará o quinto polo desta provincia en Sarria nos próximos meses.

“Cremos no potencial emprendedor do interior de Lugo, que conta con enorme riqueza gastronómica, pero tamén cultural, turística e paisaxística”, indicou Rivo, que subliñou como puntos fortes deste territorio que estea atravesado polos camiños de Santiago, forme parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e conte con rico patrimonio cultural e gastronómico, entre outros potenciais.

Para a conselleira “diso tratan os polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego: de xerar actividade vencellada co territorio a través do emprendemento e da creación de emprego de calidade” e Lugo conta “con moitos valores que aproveitar e potenciar”, afirmou.

O polo Lugo Comarca hoxe inaugurado ten como sede o Centro Sociocultural de Friol. O seu traballo súmase ao desenvolvido polos outros tres polos de emprendemento en activo na provincia: A Mariña, en Mondoñedo; Montaña luguesa, na Fonsagrada; e Lugo Sur, en Monforte de Lemos.

Desde que iniciaron a súa actividade hai un ano, os polos de Lugo deron asesoramento e axuda para levar a cabo proxectos de emprendemento de 123 persoas, coas que se realizaron máis de 300 sesións de traballo.

Entre as actividades máis representadas nos proxectos de emprendemento, atópanse a hostalería (26% do total), o comercio (10%), servizos (10%) e as actividades recreativas, de entretemento e artísticas (9%).

As persoas emprendedoras que recibiron apoio nos polos da provincia teñen no 54% dos casos entre os 35 e os 52 anos, e o 61% son mulleres.

En breve, Lugo contará cun 5º polo de emprendemento e apoio ao emprego en Sarria, que fai patente, dixo Rivo, o firme compromiso da Xunta coa consolidación e implantación empresarial nesta provincia de oportunidades. “Desde Sarria traballaremos tamén para dotar ás persoas que queren iniciar un negocio ou transformalo de todas as ferramentas e o asesoramento experto para que o leven a bo fin”, asegurou.

Cobertura autonómica

A Xunta de Galicia comezou hai algo máis dun ano a implantar a Rede de polos de emprendemento que antes de rematar o ano dará cobertura ao 100% do territorio. Grazas a mesma, estase a casar a xestión da busca de emprego coa realidade demográfica e social da Comunidade e se contribúe a dinamizar o mercado de traballo e fixar poboación.

A través destes centros préstase asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial.

Os polos supoñen tamén unha oportunidade no impulso da economía social, que conta con gran arraigamento en Galicia, e apoian ás persoas traballadoras autónomas nos seus inicios e na súa consolidación.

Durante este tempo de funcionamento, estes recursos atenderon xa case 600 persoas emprendedoras e permitiron celebrar máis de 1.700 titorías.